Unha senda peonil de dous quilómetros unirá os lugares de Cuñas e Parada

Ponte Caldelas
05 de febreiro 2020

En concreto, a actuación desenvolverase dende a rotonda de Cuñas ata o Cruceiro de Parada (EP-0206), segundo destacou este mércores o Concello de Ponte Caldelas. O obxectivo é crear un espazo de circulación para os peóns, bicicletas e persoas con mobilidade reducida na marxe dereita do viario

Andrés Díaz nos terreos da futura senda entre Parada e Cuñas
Andrés Díaz nos terreos da futura senda entre Parada e Cuñas / Concello de Ponte Caldelas

Preto de 230.000 euros. É o orzamento que baralla a Deputación de Pontevedra para habilitar unha senda peonil de dous quilómetros que unirá os lugares de Cuñas e Parada.

En concreto, a actuación desenvolverase dende a rotonda de Cuñas ata o Cruceiro de Parada (EP-0206), segundo destacou este mércores o Concello de Ponte Caldelas.

O obxectivo é crear un espazo de circulación para os peóns, bicicletas e persoas con mobilidade reducida na marxe dereita do viario, de maneira que aproveitando o actual sobreancho do que dispón a vía se cree unha senda de formigón colorado que terá, como mínimo, 2,5 metros de ancho.

A actuación inclúe tamén unha importante mellora na parte central do lugar de Parada, pois no estreitamento da estrada que existe no centro do núcleo crearase unha plataforma única sobreelevada que permitirá a coexistencia de tráfico rodado e peonil nunhas condicións de seguridade máis axeitadas ás actuais.

As obras van permitir tamén mellorar a iluminación no tramo interurbano. Deste xeito, incrementaranse o número de puntos de luz existentes con farois cada 50 metros.

Tamén se vai instalar unha tubaxe de evacuación das augas pluviais que caen na estrada e contémplase a colocación de arquetas de rexistro e igualmente mellorarase o firme en zonas con danos e volverá a pintarse a sinalización horizontal en todo o ámbito de actuación.