Humanizar a Avenida de Galicia e a estrada do Balneario son os grandes proxectos de Ponte Caldelas para o 2020

Ponte Caldelas
05 de marzo 2020

O goberno local dispón de 1,5 millóns de euros para executar diversas obras de mellora en todo o termo municipal que serán complementados con fondos europeos e da Deputación

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, supervisa as obras de mellora do  Camiño Central
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, supervisa as obras de mellora do Camiño Central /

O Concello de Ponte Caldelas ten previsto investir durante o 2020 máis de 1,5 millóns de euros ao longo do 2020 en diferentes proxectos que teñen como obxectivo "mellorar a calidade de vida dos veciños do rural, do centro urbano e seguir modernizando un municipio que crece en poboación", explicou o alcalde Andrés Díaz, antes de pasar a enumerar todas as obras planeadas para este ano.

A realización deste investimento, segundo o goberno local, será posible pola boa situación económica que atravesa o Concello que terminou o 2019 con medio millón de euros de remanente e un superávit de 347.400 euros.

Unha das primeiras iniciativas que se poñerán en marcha será a construción da senda de Parada, un proxecto que empezará a facerse realidade antes do verán e que conta coa colaboración económica da Deputación para alcanzar un orzamento total de 230.000 euros. O paseo unirá os lugares de Cuñas e Parada con iluminación cada 50 metros e unha zona segura para o desprazamento de peóns, bicicletas e persoas con mobilidade reducida.

A humanización da Avenida de Galicia e da estrada do Balneario son dous dos grandes proxectos que se farán realidade este ano e que supoñerán un desembolso superior ao millón de euros, dos que o 80 % pertencen a fondos europeos. 

Doutra banda, tamén está previsto realizar o asfaltado integral e reorganización do aparcamento que dá servizo ao centro de saúde e ao concello, así como o asfaltado e cambio de sentido da rúa Prolongación do Paseo Cordo Boullosa. Así mesmo, ultiman a licitación da estación termal de Ponte Caldelas e a construción do aparcamento central que estará situado nas leiras da parte traseira da Escola infantil Galiña Azul.