A unidade asistencial de drogodependencias de Pontevedra pasará a depender do Sergas a partir de 2026

Pontevedra
23 de outubro 2025
Actualizado: 16:19

A transferencia da UAD era unha reivindicación histórica do Concello, que reclamaba a asunción deste servizo por parte da administración autonómica

Unidade Asistencial de Drogodependencias en Valentín García Escudero Mónica Patxot

A partir do 1 de xaneiro de 2026, a unidade asistencial de drogodependencias (UAD) deixará de estar baixo a titularidade do Concello de Pontevedra para integrarse no Servizo Galego de Saúde (Sergas).

O anuncio foi realizado este xoves polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen celebrou o acordo alcanzado entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

"É unha noticia moi importante. É unha alegría", valorou o rexedor.

A transferencia da UAD era unha reivindicación histórica do Concello, que reclamaba a asunción deste servizo por parte da administración autonómica.

A unidade, situada na praza de Valentín García Escudero, dá cobertura a trece municipios e atende arredor de 5.000 pacientes, a metade deles procedentes da cidade de Pontevedra.

Fernández Lores reiterou que "non ten sentido que un centro clínico e sanitario dependa da administración municipal" e lembrou que o Concello levaba "moitísimos anos esixindo á Xunta que se faga cargo desta actividade sanitaria que, obviamente, correspóndelle ao Sergas".

O alcalde subliñou ademais que, como servizo sanitario, "interésanos que esas persoas estean atendidas o mellor posible", e cualificou de "irresponsabilidade" que os concellos asuman competencias que "dependen directamente do Sergas", como os programas de atención e protección da saúde no ámbito das adiccións.

O mantemento da UAD supón para o Concello un custo anual superior ao medio millón de euros, sen incluír gastos correntes como auga, electricidade ou limpeza.

A Xunta, pola súa banda, achega unha subvención que este ano ascendeu a 395.066 euros, mentres que o resto é asumido polas arcas municipais.

Polo momento, non se concretou cal será a situación laboral dos dous funcionarios adscritos ao servizo, un informático e unha auxiliar de clínica.

Fernández Lores tamén avanzou que o Sergas solicitou a cesión do local, e asegurou que o Concello ofrecerá a "máxima colaboración" neste proceso.

Finalmente, o rexedor apuntou que este traspaso constitúe "outra desautorización máis do señor Domínguez por parte da Xunta de Galicia", en alusión ao portavoz do grupo municipal do PP, quen sostivera que a UAD era de competencia municipal e debía acometer diversas melloras.

O acordo deberá ser ratificado polo pleno municipal antes de facerse efectivo.