A Unidade de Cabalaría da Policía Nacional desprazada a Pontevedra para colaborar na campaña de prevención de incendios alertou en menos de 24 horas de dous incendios en Marín.
Esta unidade especializada acaba de comezar o seu labor na zona e este luns deu o primeiro aviso do incendio que arrasou dez hectáreas de terreo forestal da parroquia pontevedresa de Lourizán e o Monte Pituco de Marín.
Este martes, a media tarde, tamén alertou dun incendio en dous vehículos nas inmediacións da praia de Mogor.
Á primeira hora da tarde, un lume afectou a un vehículo na baixada á praia e, por extensión, alcanzou a un segundo.
Os vehículos afectados foron oun turismo e unha furgoneta, segundo indicaron testemuñas do incidente.
Fontes policiais confirmaron que axentes desta unidade especializada fóra de servizo foron os primeiros en dar o aviso que chegou á sala do 091 da Policía Nacional e tamén na Policía Autonómica.
Até o lugar do lume desprazáronse logo axentes da Policía Local de Marín e tamén efectivos dos Bombeiros do Morrazo.
O lume xerou alarma social ao tratarse dunha zona con moita xente nesta tarde de calor do mes de xullo.