Unión Profesional de Galicia outorga o Premio á Excelencia 2026 ao veterinario Luís Núñez Desiré

Pontevedra
03 de xullo 2026

O galardón, concedido a proposta do colexio provincial presidido por María Magariños, destaca a traxectoria de quen foi responsable da entidade durante case dúas décadas

Luis Núñez Desiré e María Magariños no acto de entrega do premio
Luis Núñez Desiré e María Magariños no acto de entrega do premio / Colexio Oficial da Profesión Veterinaria de Pontevedra

Unión Profesional de Galicia entregou o Premio á Excelencia e Compromiso Profesional 2026 a Luís Francisco Núñez Desiré.

O acto celebrouse en Santiago de Compostela tras a candidatura presentada polo Colexio Oficial da Profesión Veterinaria de Pontevedra, institución que na actualidade preside a pontevedresa María Magariños Canteiro.

O comité organizador fundamentou a distinción na dedicación sanitaria do galardoado e no seu traballo para situar a profesión veterinaria nas administracións e no ámbito da saúde pública.

Núñez Desiré é licenciado en Veterinaria pola Facultade de León e conta con máis de trinta anos de actividade no sector sanitario galego.

Traballa desde o ano 2006 como Inspector Veterinario Oficial no Servizo Provincial de Gandaría de Pontevedra e con anterioridade participou en campañas de saneamento gandeiro e de saúde pública na comunidade autónoma.

O seu perfil académico inclúe un Máster en Equinotécnia e estudos de experto en Xestión e Administración de Fundacións.

No plano institucional, o premiado ocupou o cargo de secretario do Colexio Oficial da Profesión Veterinaria de Pontevedra entre 1996 e 2006, ano no que asumiu a presidencia da entidade provincial ata 2025.

Ademais, exerceu como presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios desde 2018 até 2025, organismo no que agora desempeña as funcións de secretario. Desde o ano 2012 ocupa tamén a secretaría da Fundación A.M.A.