Unións Agrarias denuncia que o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas prioriza as adegas fronte aos pequenos produtores

Pontevedra
08 de agosto 2025
Actualizado: 13:59

A organización agraria exixe transparencia e medidas para evitar que a uva de calidade quede fóra do mercado oficial e se abarate o prezo do albariño

Vendima nas Rías Baixas
Vendima nas Rías Baixas / DO Rías Baixas

Unións Agrarias (UU.AA.) acusou este venres 8 o Consello Regulador da Denominación de Orixe (D.O.) Rías Baixas de favorecer un modelo que beneficia ás adegas en detrimento dos viticultores, especialmente os pequenos produtores da comarca do Salnés que coidan as súas parcelas.

A organización agraria presentou documentación oficial que amosa unha perda continuada de viticultores, máis de 300 nos últimos 4 anos, mentres as adegas aumentan as súas plantacións e concentran as axudas públicas.

vogal de UU.AA. no Consello Regulador, Manuel Dopazo, explicou que este ano as condicións climáticas favoreceron unha "excelente colleita", con acios máis grandes e pesados, o que levou a moitos viticultores a solicitar un incremento do límite de produción (actualmente establecido en 12.000 kg/hectárea) para as parcelas ben coidadas.

Pola contra, o Pleno do Consello, dominado polas adegas, segundo denuncia Unións Agrarias, rexeitou a proposta nunha sesión extraordinaria. Segundo Dopazo, esta decisión obrigará a moitos produtores a vender o excedente a prezos moi baixos ou incluso a deixar uvas sen recoller.

A proposta do sindicato foi rexeitada malia que unha medida similar xa se adoptou noutras tres ocasións en anos con boa colleita.

"Non pode ser que as axudas públicas vaian só ás adegas, mentres os viticultores teñen que vender uva a prezos de favor", denunciou Roberto García, secretario xeral de UU.AA.

Segundo os datos ofrecidos, 20 bodegas do Salnés concentraron tantas axudas como 600 viticultores, e o 100% das subvencións para exportación e reestruturación foron para o sector elaborador.

Unións Agrarias exixe transparencia no proceso de certificación das colleitas, xa que denuncian que o Consello Regulador basea as súas estimacións en informes das propias adegas, sen comprobar in situ o rendemento real das parcelas. 

"Hai fincas abandonadas ou de nova plantación que non poden producir 12.000 kg, pero úsanse para xustificar medias artificiais e reducir o prezo da uva", sinalou Dopazo.

Manuel Dopazo, Roberto García e Ramón Vidal na rolda de prensa de Unións Agrarias
Manuel Dopazo, Roberto García e Ramón Vidal na rolda de prensa de Unións AgrariasUnións Agrarias

O sindicato advirte de que esta práctica xera un "mercado negro", onde as adegas aproveitan para comprar o excedente dos viticultores a prezos moi baixos, baixando a cotización do albariño e prexudicando especialmente ás cooperativas.

A documentación presentada por UU.AA. revela que, malia que a superficie de viñedo e a produción aumentaron nos últimos anos (de 35,5 millóns de kg en 2018 a 44,3 millóns en 2023), o número de viticultores segue a caer (de 5.265 a 4.991). 

"Estamos a financiar con cartos públicos que as adegas planten viñedo propio e deixen de comprar a pequenos produtores", criticou García, lamentando esta escolla dun modelo comunitario.

O sindicato reclama que as axudas ás bodegas estean condicionadas a garantir contratos de compra aos viticultores e que se revise a composición do Consello Regulador, actualmente maioritario en representantes das adegas.

 "Se non cambia o modelo, a D.O. Rías Baixas converterase nun negocio sen agricultores", concluíron.

Unións Agrarias anunciou que, se é necesario, vai acudir ás vías xudiciais para acceder aos expedientes de novas plantacións e demandar controis rigorosos na próxima vendima, prevista para finais deste mes de agosto se non se producen alteracións meteorolóxicas durante os vindeiros días.