"É urxente reaccionar" ante o consumo de droga, que "dana desde a primeira dose"

Pontevedra
26 de xuño 2025

A Fundación Galega contra o Narcotráfico celebrou en Pontevedra o acto central do Día da Loita contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas, no que colectivos e instituciones elevaron a voz

Día da Loita contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas en Pontevedra

Pontevedra foi este xoves epicentro da loita contra a droga e da concienciación social sobre a necesidade de rematar con esta lacra social. 

A Fundación Galega Contra o Narcotráfico (FGCN) escolleu a cidade para organizar o seu acto central con motivo do Día Internacional contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas e xuntou en Montero  Ríos a entidades e institucións unidas nesta loita. 

Representantes actuais e xubilados das Forzas e Corpos de Seguridade; o presidente e o vicepresidente da Deputación, Luís López e Rafa Domínguez; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; e integrantes de colectivos que loitan contra a droga secundaron a convocatoria realizada pola FGCN en colaboación coa Deputación de Pontevedra.

Todos deixaron a súa sinatura na Bandeira Branca contra a Droga que presidiu o acto. 

A cita tivo un carácter reivindicativo e tamén artístico, cunha intervención a cargo da poeta e actriz Lorena Conde e o violonchelista Guillermo Alzugaray preparada para a ocasión, con versos sobre esta temática e a 'fariña'. 

Día da Loita contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas en PontevedraMónica Patxot

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o presidente da FGCN, Manuel Couceiro, compartiron a lectura do manifesto reivindicativo, no que reclamaron que, no contexto actual, "resulta evidente que non podemos limitarnos a reflexionar", senón que "é urxente reaccionar".

Luís López chamou a actuar, empezando por asegurar as "mellores condicións" para o tratamento, a asistencia e a reintegración social das persoas adictas. 

Couceiro lembrou que esta é unha data "especial para reflexionar" ante unha situación "realmente preocupante" como a actual, na que os índices de tráfico de drogas "están nos rexistros máis altos da historia" e en España conflúen grandes roteiros internacionais de tráfico de drogas con destino a Europa.

Segundo o último rexistro dispoñible, un total de 473 grupos de crime organizado operan habitualmente en España, hai "cifras récord" de tráfico, mafias internacionais asentáronse no país e detéctase un "incremento exponencial" da violencia, o que fai que a droga sexa un "problema de seguridade nacional" que, segundo a FGCN, "debe ser atendido co reforzo dos medios á disposición de Forzas de Seguridade e da Xustiza e con cambios lexislativos". 

Día da Loita contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas en PontevedraMónica Patxot

"Actuemos antes de que sexa demasiado tarde", pediu Manuel Couceiro, mentres que Luís López lembrou que se trata dun "desafío" que afecta a millóns de persoas en todo o mundo que "desgrazadamente" golpea de xeito especial omunidades como a galega e provincias como a de Pontevedra. 

O presidente provincial chamou a reflexionar como sociedade porque "en determinados ámbitos é común o pensamento de que consumir drogas non é tan grave, é divertido e ademais, non pasa nada", cando a realidade é "moi distinta", pois" o consumo de drogas non é inocuo, dana desde a primeira dose, desembocando en moitas ocasións no drama da adicción".

Insistiu, ademais, en que, nos últimos tempos, cobraron auxe as denominadas "adiccións sen substancia", tales como o xogo patolóxico, o uso problemático da internet, videoxogos, móbiles e redes sociais, novas adiccións que en moitos casos están estreitamente relacionadas co consumo das drogas clásicas e asociadas a comportamentos perigosos como situacións de acoso escolar, abuso sexual e violencia de xénero, entre outros.

Día da Loita contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas en PontevedraMónica Patxot