Vaipolorío pecha o verán de limpeza do Gafos con 300 quilos de residuos retirados na ponte do Couto

Pontevedra
31 de agosto 2025

O colectivo ecoloxista con 21 persoas voluntarias acometeu a última xornada da campaña, despois de celebrar a Noite Europea dos Morcegos

Participantes na limpeza da Ponte do Couto organizada por Vaipolorío Vaipolorío

O colectivo ecoloxista pontevedrés Vaipolorío pechou este domingo 31 de agosto a súa campaña XXV de limpeza do río Gafos, coñecido tamén como Cocho, Toxal ou Tomeza.

Na sexta e última xornada, celebrada na contorna da histórica ponte do Couto, participaron 21 voluntarios que retiraron 300 quilos de residuos.

A ponte do Couto, de orixe medieval e prosapia romana, foi o punto central desta actividade. Segundo o especialista en patrimonio galego, Calros Solla, participante na xornada, esta estrutura é "unha ousadía imperturbábel" que demostra a sabedoría dos canteiros que a construíron.

Durante a xornada, os voluntarios traballaron na limpeza da contorna da ponte, contribuíndo á conservación dun dos elementos patrimoniais máis significativos do río Gafos.

Lixo recollido por Vaipolorío na Ponte do Couto no río GafosVaipolorío

Ademais da limpeza, Vaipolorío celebrou durante a noite do sábado 30 a Noite Europea dos Morcegos na contorna do río.

A actividade, impartida por Zeltia López da Asociación Morcegos de Galicia e promovida polo programa Ponteverán-Xuventude do Concello de Pontevedra, permitiu identificar tres especies de morcegos na zona: Pipistrellus pipistrellus (Morcego anano), Myotis daubentonii (Morcego das ribeiras) e Eptesicus serotinus (Morcego das hortas).

Zeltia López, da Asociación Morcegos de GaliciaVaipolorío

Vaipolorío segue facendo un chamamento á cidadanía e especialmente á xuventude para que se implique na defensa e posta en valor do río Gafos e do seu ecosistema. O colectivo combina cada ano a acción directa de limpeza coa divulgación e concienciación ambiental.

Noite Europea dos Morcegos con VaipoloríoVaipolorío