Varias exposicións na Festa do Mar recollerán a esencia da cultura mariñeira

Poio
20 de agosto 2024

O público terá a oportunidade de contemplalas na carpa-museo instalada na Praza da Chousa en Combarro desde as 12:00 horas, entre o xoves 22 e o domingo 25 de agosto

Público na Festa do Mar en Combarro
Público na Festa do Mar en Combarro / Concello de Poio - Arquivo

A Festa do Mar de Combarro, no Concello de Poio, ofrecerá este ano unha oportunidade única para coñecer e valorar a rica cultura mariñeira a través de varias exposicións que se celebrarán na carpa-museo instalada na Praza da Chousa. 

Unha das exposicións principais, 'Mareas de Vida', presenta unha colección fotográfica que destaca a enerxía e tamén a delicadeza das mulleres do mar, poñendo en valor o seu traballo silencioso e incansable.

Esta mostra está realizada en colaboración co proxecto Sereas "As mulleres do mar" da Fundación Clúster de Conservación de Produtos do Mar-FUNPROMAR.

Ademais, coa colaboración do Ateneo Corredoira de Combarro, organizarase unha exposición de fotografías antigas que recompilan imaxes históricas deste espazo turístico e mariñeiro e da súa xente.

Esta mostra vai amosarse complementada con maquetas de barcos e outros obxectos mariñeiros cedidos por persoas de Poio e Bueu.

Tamén se incluirá unha mostra sobre pesca, conserva e embarcacións tradicionais, organizada en colaboración coa Xunta de Galicia e o Museo do Mar de Galicia.

Segundo a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, o obxectivo destas exposicións é "compartir a nosa tradición mariñeira e poñer en valor o traballo pasado e presente no mar", fomentando así a transmisión de coñecementos á poboación máis nova.

As visitas estarán abertas ao público desde as 12:00 horas, entre o xoves 22 e o domingo 25 de agosto, con entrada libre.