A veciñanza de Borela estuda a creación dunha Comunidade Enerxética Local

Cerdedo Cotobade
05 de novembro 2025
Actualizado: 17:44

Esta iniciativa do Concello de Cerdedo-Cotobade busca aproveitar mellor os recursos enerxéticos, reducir custos eléctricos e fomentar o uso de fontes renovables

Reunión na Casa da Cultura Nélida Piñón de Borela
Reunión na Casa da Cultura Nélida Piñón de Borela

A Casa da Cultura Nélida Piñón de Borela acolleu este luns unha xuntanza informativa destinada a dar a coñecer entre a veciñanza o proxecto de creación dunha Comunidade Enerxética Local.

Esta iniciativa do Concello de Cerdedo-Cotobade busca aproveitar mellor os recursos enerxéticos, reducir custos eléctricos e fomentar o uso de fontes renovables no medio rural.

Na reunión participaron o deputado provincial Javier Tourís e as técnicas da Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación de Pontevedra, encargadas de explicar os detalles e os pasos necesarios para poñer en marcha esta nova comunidade, que dependerá directamente da vontade e implicación dos propios veciños.

O alcalde, Jorge Cubela, destacou durante o encontro que Cerdedo-Cotobade segue dando pasos firmes na aposta pola eficiencia e a sostibilidade.

"Queremos ser un exemplo de como o medio rural pode liderar proxectos de innovación enerxética que melloren a vida da nosa xente", dixo.

Cubela tamén puxo en valor o carácter pioneiro do municipio, lembrando proxectos xa en marcha como o Aldealix de Cerdedo, que permitirá crear unha rede de calor para o aproveitamento enerxético local, ou a instalación de dous centros fotovoltaicos de gran capacidade para subministrar electricidade aos edificios públicos de Carballedo e Tenorio.

Segundo explicou o rexedor, estas actuacións forman parte dunha estratexia global para facer de Cerdedo-Cotobade un territorio máis verde, sostible e competitivo, apostando polas enerxías limpas e a innovación como motores de futuro.

O alcalde agradeceu a boa acollida e o interese mostrado pola veciñanza de Borela nesta primeira toma de contacto.