O goberno local de Pontevedra iniciou unha rolda de contactos para presentar a cidadanía o orzamento municipal para 2026, froito dun acordo entre os grupos municipais do BNG e o PSOE.
Os concelleiros de economía e facenda, servizos urbanos básicos e parroquias do rural, Raimundo González, Xaquín Moreda e María José Abilleira, foron os encargados de presentar as contas ás primeiras entidades pontevedresas.
Foi nunha xuntanza "moi cordial" celebrada na sede municipal de Michelena 30 cos representantes da federación de asociacións veciñais Castelao.
Durante a presentación, trasladáronse as grandes cifras do orzamento, o "máis grande da historia de Pontevedra", en palabras do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que acada os 103.768.000 euros.
Ademais de expoñer o documento, os concelleiros escoitaron e recolleron as demandas veciñais ao orzamento.
O goberno local traslada as contas ao movemento asociativo porque entende que é "un piar fundamental na construción da cidade".
Ao remate do encontro, ambas as partes emprazáronse a futuras reunións para seguir afondando na colaboración.
A rolda de presentación do orzamento continuará na vindeira reunión do Consello Económico e Social (CES) convocada para este luns ás 19.00 horas, tamén nas dependencias de Michelena 30.