Domínguez ve "ancorados no pasado" os orzamentos para 2026: "Non hai por onde collelos"

Pontevedra
29 de xaneiro 2026
Actualizado: 13:19

O portavoz popular criticou que estas contas "cronifican" os problemas de Pontevedra. Non contarán co apoio do PP, que presentará no pleno unha emenda á totalidade

Rafa Domínguez, portavoz do PP en Pontevedra
Rafa Domínguez, portavoz do PP en Pontevedra / Mónica Patxot

Ao PP, como era de esperar, non lle gustou o orzamento municipal pactado polo BNG e o PSOE para 2026. Segundo Rafa Domínguez, son unhas contas que "chegan moi tarde" e que non van na "dirección correcta" para impulsar o progreso da cidade.

"Son moi malos para Pontevedra. Lores está ancorado no pasado", sinalou o portavoz municipal do PP, que lamentou que estes orzamentos non van solucionar os "problemas crónicos" que, ao seu xuízo, existen na cidade.

Domínguez subliñou que o borrador do orzamento recolle "o mesmo de sempre", o que entende que contribuirá a "agudizar" certos déficits na xestión municipal, no canto de enfocarse nos retos de futuro.

Tras avanzar que non contarán co voto favorable dos populares, o líder do PP adiantou que o seu partido presentará unha emenda á totalidade.

"Non hai por onde collelos", engadiu o dirixente conservador, que apuntou que "igual que non se pode planificar o futuro sen un PXOM, non se pode dirixir a cidade cun orzamento calcado ao de hai dez anos".

O portavoz popular criticou que o documento pactado por nacionalistas e socialistas "cronifica" os problemas de Pontevedra, ao reducir partidas para o tráfico e os estacionamentos, a mobilidade urbana, parques e xardíns ou o fomento do emprego.

Con este orzamento, "constrúese unha Pontevedra peor", destacou Rafa Domínguez, que alerta de que a Boa Vila é unha cidade "estancada" porque ao alcalde, engadiu, "fáltalle forza, frescor e novas ideas".

Ante unhas contas que "cheiran a naftalina", Domínguez debullou os aspectos que se deberían incluír para que contasen co respaldo do PP.

Así, reclamou partidas para redactar a PXOM ou para vivenda pública, máis apoio aos clubs deportivos, incremento de persoal en materia de seguridade, unha maior aposta polos barrios e o emprego ou reducir a carga impositiva.

A iso sumou un reforzo da limpeza e do transporte público, o impulso de novos programas para a mocidade, a mellora das condicións de traballo dos funcionarios ou o compromiso cuns servizos sociais de calidade.