Os veciños de Caldas celebran a reapertura do Botánico e a Carballeira

Umia
30 de maio 2026

Tras a inauguración institucional do venres, o renovado Xardín Botánico e a Carballeira abriron este sábado as portas aos veciños cunha xornada de festa

Festa veciñal para celebrar a reapertura do Botánico e a Carballeira de Caldas Concello de Caldas de Reis

Primeiro foron os representantes institucionais e políticos os encargados de inaugurar oficialmente o renovado Xardín Botánico e a Carballeira, e 24 horas despois foron os veciños de Caldas de Reis os que puideron celebrar a reapertura e recuperación dun dos lugares máis emblemáticos da vila termal.

Cunha xornada de festa a modo de inauguración e case 12 horas de actividades, os caldenses puideron coñecer de primeira man o resultado das obras desenvolvidas neste espazo natural nos últimos meses.

Non faltaron música e xogos para toda a familia.

Durante toda a mañá unha carpa no paseo de Román López, xusto na entrada do Botánico, informaba a todos os que se achegaban até alí das obras acometidas e do proceso de revitalización e coidado ao que se someteu o xardín.

Visitas guiadas, charlas informativas e até unha xincana para os máis pequenos foron as actividades das que puideron gozar os veciños, visitantes e curiosos que por alí pasaron.

Xa pola tarde estaba previsto un concerto da Banda Municipal de Música de Caldas de Reis no renovado palco do Paseo dos Choróns.

Despois era quenda dun rechamante 'videomapping' nocturno, un espectáculo audiovisual no Paseo dos Plátanos que estará dispoñible a partir de agora todos os días de noite creando unha atmosfera envolvente entre a luz, a copa das árbores e o chan.

"O novo Botánico de Caldas é un Museo Aberto 24/7 que ofrece novas formas de vivir o patrimonio", afirmou o tenente de alcalde de Caldas de Reis, Manuel Fariña, sobre esta proxección.