Medio cento de veciños de Barcelos e San Antoniño responderon á chamada do Concello de Pontevedra. Acudiron na tarde do mércores ás inmediacións do quiosco de Barcelos para reunirse cos concelleiros Luis Bará, Anxos Riveiro e Carmen Fouces, os responsables do programa +Boavila, co que o goberno municipal pretende mellorar a calidade urbana e estética da cidade e mellorar a convivencia dos seus residentes.
Este barrio foi o primeiro que elixiu o Concello de Pontevedra para presentar as súas propostas actuación sobre espazos públicos, edificios abandonados, parques e xardíns e mobiliario urbano. Tanto os edís coma os veciños coincidiron en que San Antoniño e Barcelos necesitan unha profunda posta a punto, despois dunhas obras de reforma urbana que xa cumpriron oito anos e notarse xa certo desgaste.
Neste sentido, o goberno municipal trasladou os veciños, entre outras cuestións, que en San Antoniño apostan por arranxar o pavimento en mal estado, renovar o mobiliario urbano, mellorar a iluminación ou actuar sobre un soar abandonado. E en Barcelos, planéanse melloras estéticas na praza, ampliar o parque infantil ou darlle unha solución ao quiosco central. A todo iso hai que sumar unha serie de intervencións artísticas que embelezan todo este ámbito.
Ademais, os tres edís do BNG desprazáronse ata a zona para escoitar as propostas e demandas dos propios residentes. Moitas delas eran coincidentes co formulado polo Concello porque se fixera un estudo previo das necesidades do barrio. Os veciños pediron, entre outras cousas, renovar as beirarrúas desgastadas, substituír o lastro nalgunhas zonas, sanear as árbores e axeitar o mobiliario urbano, resolver os problemas da deficiente iluminación pública ou crear zonas de aparcadoiro libre na rúa retirando zonas de servizos.
A esta reunión seguiranlle outras xa planificadas noutros barrios da cidade como a desembocadura do Gafos, Mollabao, Alfonso XIII-Echegaray, O Burgo e Ernesto Caballero-O Castañal.