As obras do programa '+Boavila' chegan ao barrio de San Antoniño

Pontevedra
17 de novembro 2014

Trátase dunha serie de obras, consensuadas cos veciños da zona en diferentes xuntanzas, que suporán a mellora funcional e estética de espazos degradados dentro desta área da cidade

Obras do programa +Boavila na rúa San Antoniño
Obras do programa +Boavila na rúa San Antoniño / PontevedraViva

Cunha serie de actuacións sobre os pasos de peóns da rúa comezaron este luns os traballos do programa +Boavila no barrio de San Antoniño. Trátase dunha serie de obras, consensuadas cos veciños da zona en diferentes xuntanzas, que suporán a mellora funcional e estética de espazos degradados dentro desta área da cidade.

En concreto comezáronse a retirar os lastros dos pasos de peóns da rúa, que son especialmente duros, porque non cumpren a normativa de accesibilidade. Serán substituídos por lousas con tacos que son os aceptados pola normativa.

A continuación tamén se mellorarán os alcorques, retirando os lastros para reducir a herba que nacen neles e mellorar o seu aspecto; e tamén se arranxará todo o mobiliario urbano da rúa. Finalmente farase unha limpeza das lousas da zona para mellorar a súa imaxe. Fóra desta primeira parte de obras, pero dentro do proxecto +Boavila, tamén está previsto cambiar as luminarias da rúa para mellorar a iluminación pública.

O proxecto +Boavila céntrase na mellora da calidade urbana, a estética e a convivencia cidadá a través de actuacións no espazo público e privado. Está xestionado polos concelleiros de Carmen Fouces, Anxos Riveiro e Luis Bará dado que os seus departamentos atopanse imbricados neste proxecto que se achega a todos os barrios urbanos de Pontevedra para mellorar zonas verdes, predios e edificios, mobiliario urbano ou as medianeiras públicas.