A hostalería de Pontevedra, Poio e Marín volve saír a rúa para expresar o seu malestar coas medidas impostas polo Goberno. Preto dun centenar de persoas concentráronse este venres na praza da Peregrina portando velas en sinal de recordo polos establecementos que se pecharon como consecuencia da pandemia.
Impulsada pola Plataforma de Afectados pola Covid e coa colaboración de integrantes do comercio local, a protesta consistiu nunha concentración nesta céntrica praza da capital para ler posteriormente un manifesto no que lembraron as principais reivindicacións do sector e enumeraron cada un dos vinte establecementos que xa non volverán abrir as súas portas, lembrando tamén aos propietarios de locais de lecer nocturno, que permanece pechado desde o mes de marzo.
Despois de dar o pésame ás familias das persoas falecidas pola pandemia e agradecer o traballo dos sanitarios, os hostaleiros mostraron o seu enfado coa incompatibilidade de acceder a determinadas axudas ou a falta delas, co horario de peche, con que os contratados despois do 18 de marzo non teñan dereito ao Erte ou coa subida da cota de autónomos e da luz.
No seu discurso, a PAC quixo destacar que o notable peso da hostalería, o turismo e o comercio tanto no PIB como no emprego. "Non sabemos cantos pecharon, cuantos imos pechar, cuantos van quedar afogados polas débedas. O que si sabemos é que non nos teñen en conta para sacar axudas á nosa medida", reclaman.
Por iso, demandan ás administracións a exención das taxas dos meses que a hostalería estivo pechada, un erte único, facilidades no pago ás administracións e reducir a cota de autónomos.