Vencellar a reforma do parque de Pasarón á historia do Pontevedra C.F., unha das 100 aportacións veciñais a este proxecto

Pontevedra
12 de outubro 2020

Manter o carácter verde do espazo, renovar e duplicar a superficie do parque infantil ou incluír equipamento multideporte son outras propostas achegadas pola cidadanía á Concellería de Desenvolvemento Sostible, que dirixe Iván Puentes

Parque de Pasarón
Parque de Pasarón / Concello de Pontevedra

Desde principios de agosto, cando se abría o prazo para recoller propostas cidadás, hai un goteo continuo de ideas que chegan á concellería de Desenvolvemento Sostible, que dirixe Iván Puentes, para a reforma do parque de Pasarón, que se proxecta polo Concello de Pontevedra.

25 particulares realizaron 102 propostas, algunhas delas tan traballadas que parecen anteproxectos ou documentos técnicos nos que non faltan fotografías e exemplos concretos para executar nesa zona, afirman desde el Concello.

As ideas para este parque situado na rúa Luís Otero contemplan desde o mantemento do carácter verde do espazo, evitando o cemento; renovar por completo e duplicar a superficie que se destina a parque infantil; incluír equipamento  multideporte; deseñar un espazo interxeracional para todas as idades ou relacionar estética e tematicamente o parque á historia do Pontevedra Club de Fútbol e ao estadio de Pasarón. 

Tamén se ofrecen peticións como mellora de iluminación; creación de fontes diferenciadas para persoas e cans; o control dos excrementos dos animais de compañía; a instalación dun rocódromo, de tirolesa ou de camas elásticas; cambiar o estanque por un parque de auga ou a inclusión dunha zona de xogos tradicionais como a petanca ou a chave, entre outras.

O concelleiro Iván Puentes recoñece que este parque se atopa nun estado de bastante deterioración ao tratarse dun dos máis antigos da cidade e dos que contan cun maior número de usuarios.

A obra prevista superará un orzamento de 200.000 euros e tentarase ter en conta as propostas veciñais para este plan de reforma. Unha das cuestións principais será facilitar o acceso ás persoas con diversidade funcional ao recinto de xogos.

O departamento, mentres non se acomete esta actuación, continúa realizando arranxos do parque onde se investiron 3.500 euros con tarefas de limpeza, desratización e desinfección.