Vendedores do mercado ambulante de Combarro, obrigados a usar máscaras de protección e luvas

Poio
07 de maio 2020

O goberno local de Poio está a elaborar un plan de prevención para que no momento en que se aprobe a realización destas feiras ambulantes, na fase 1, poida desenvolverse esta actividade con todas as garantías de seguridade sanitaria

Praza da Chousa, Combarro
Praza da Chousa, Combarro

O estado de alarma obrigou a pechar o mercado ambulante de Combarro que se desenvolvía na Praza da Chousa. Agora, ante a posibilidade de entrar na fase 1, esta actividade comercial ao aire libre contaría con autorización e, por este motivo, o goberno local traballa na elaboración dun plan de prevención que evite contaxios.

A este mercado ambulante acoden ao redor de vinte comerciantes e a intención do goberno de Poio é que se reorganicen os postos de venda, establecendo as distancias necesarias entre vendedores e, ao mesmo tempo, que permitan a circulación cómoda dos compradores.

Todos os comerciantes autorizados deberán utilizar de forma obrigatoria luvas e máscaras de protección. Tamén se recomenda aos clientes que utilicen estes elementos durante a súa estancia nesta zona.

Está previsto que se habilite un contedor para depositar as luvas utilizadas unha vez que finalicen as compras. O horario que se establecerá será entre as 09.00 e as 14.00 horas e os usuarios deberán ter en conta as franxas horarias marcadas polo goberno.