Venecia, moito máis que pontes e canais

Pontevedra
03 de marzo 2019

Nesta época de Entroido, a viaxeira articulista Marga Díaz lévanos ata Venecia, un lugar do que destaca o seu patrimonio artístico e a súa extraordinaria arquitectura onde hai que vivir a festa do Entroido cando menos unha vez na vida

Venecia, moito máis que pontes e canais
Venecia, moito máis que pontes e canais

Tratándose dun destino tan coñecido para o turismo mundial, Venecia non parece necesitar presentacións: o Gran Canal, a Ponte dos Suspiros, a Praza de San Marcos e como non, nestas datas, o seu máxico entroido. A tradición remóntase varios séculos atrás, cando por uns días as clases máis desfavorecidas podíanse mesturar coa nobreza, atrevéndose a facer burla dos seus refinados costumes. Para iso popularizáronse as máscaras, algunhas inspiradas nos personaxes da Comedia Dell‘Arte, que permitían desde o anonimato criticar e  ridiculizar a todos os estamentos. Na actualidade as máscaras seguen sendo o elemento máis representativo do entroido veneciano, moitas delas pintadas e moldeadas de maneira artesanal, algo que non é apto para todos os petos. 

Pero en Venecia todo ten cabida e os luxosos traxes bordados ou decorados a man comparten protagonismo con antefaces e máscaras máis alcanzables, á venda en calquera posto, que permiten ao turista mergullarse no ambiente festivo. Así a cidade adopta múltiples personalidades que lembran aqueles días de gloria do imperio veneciano.  

Din que o Entroido de Venecia hai que vivilo polo menos unha vez na vida. E seguro que non faltan razóns, pero non esquezamos que Venecia é única non só pola festa e pola súa peculiar situación no medio da lagoa, senón pola súa extraordinaria arquitectura e  o seu vasto patrimonio artístico:

Nada máis entrar desde a Lagoa á Praza de San Marco recíbenos o Palacio Ducal: en estilo gótico  veneciano con elementos renacentistas, o edificio enteiro destila encanto e exquisitez. Pero non quedemos só coa súa fermosa construción. Para profundar na historia da República Veneciana debemos visitar o seu espectacular interior: comezando por Escálaa d´Oro, pasando pola  armería e chegando á cegadora Sala do Consello Maior ou o apartamento do Duque que acollen obras de arte de Tiziano,  Veronés e Tintoretto entre outros grandes mestres da pintura italiana. Se atravesamos a famosa Ponte dos Suspiros desde o cal segundo a lenda, os condenados vían por última vez a lagoa, chegamos ás mazmorras, un auténtico labirinto onde algunha das celas aínda conserva utensilios ou parte do seu escaso "mobiliario" e multitude de inscricións feitas polos presos no seu eterno peche.  

Á beira do Palacio, a Basílica de San Marco resulta cegadora, unha mestura de estilos entre os que predomina o  bizantino, con brillantes cúpulas e fermosos mosaicos que a fan diferente á maioría de templos católicos. É imprescindible visitar o seu interior e sacar entradas para facer a visita completa, xa que coa gratuíta non se poden apreciar tan de preto tesouros como a Pa de Ouro, a estatua orixinal dos cabalos que adornan a fachada ou os marabillosos mosaicos que cobren practicamente paredes e teitos. Ademais accedendo  á terraza espérannos unhas bonitas vistas da Praza, o Reloxo e a lagoa.

Aínda que se queremos gozar da mellor perspectiva de Venecia, deberemos subir ao Campanile fronte á Basílica, unha torre de case 100 metros de altura que naceu como un antigo faro e que se conserva, despois do seu derrube actualmente restaurada. 

A praza vese embelecida por varios edificios: no lado norte a Torre do Reloxo sostén o reloxo astronómico e a campá que puntualmente fan soar as dúas estatuas que a coroan, os chamados "mouros".  Decorada coa estatua da Virxe co Neno e un pouco máis arriba co León de San Marcos símbolo da cidade e a república, esta orixinal torre é un dos grandes atractivos da Praza. Alén, o Museo Correr resulta tamén unha visita moi interesante: cunha decoración moito máis sutil que a do Palacio Ducal pero moi fermosa, acolle unha das máis importantes coleccións de pintura e escultura ademais doutras moitas curiosidades, como un gran número de armas e elementos navais, que dan idea da grandeza do imperio  veneciano. Unha visita moi entretida, ata para os nenos.

Outros museos como o Arqueolóxico ou a Biblioteca Nacional completan a gran oferta cultural  veneciana,  pero non son estes os únicos lugares: Palacetes, Teatros como A  Fenice ou igrexas como Santa María da  Salutte ofrecen ademais de arte visual, interesantes eventos nas súas axendas culturais.  

Venecia está chea de recunchos especiais: pontes diminutas,  callejuelas estreitas  case inaccesibles e acolledoras prazas, compiten coas grandes obras de arquitectura. As impoñentes pontes venecianas, a da Academia, a da Constitución ou a de Rialto, soportan diariamente miles de turistas que se fan un oco para sacar a mellor perspectiva do Gran Canal. As tendas de moda con  suntuosos escaparates lémbrannos tamén que estamos na cidade do luxo e o  glamour e  ata as propias tendas de lembranzas poden resultar en Venecia verdadeiras obras de arte.

Como case todas as cidades europeas, Venecia vese distinta de noite, quizáis aínda máis fermosa: a Praza de San Marco recíbenos cunha tenue iluminación, acompañada da música que ofrecen en directo as orquestras nas terrazas dos seus luxosos cafés e as canles cóbrense de misterio con esa luz  especial que reflicte a cidade, tan suxestiva para calquera cámara de fotos.

Pero una das cousas máis interesantes ao pasar varios días en Venecia, é achegarse aos lugares onde os  venecianos realizan as súas actividades no pouco tempo que teñen alleos ao trafego do turismo: o mercado que se realiza a diario xunto á ponte de Rialto é unha boa opción, sobre todo se nos achegamos á primeira hora cando os coloridos postos de verduras, pasta e froitas comparten protagonismo co peixe e outros produtos da compra diaria. O  trajín do porto á primeira hora tamén resulta curioso, cando os barcos descargan a mercadoría que fornece a hoteis e restaurantes, e os traballadores dispóñense a cruzar a Gran Canal en góndolas máis sinxelas e menos luxosas, que os  venecianos utilizan para o seu día a día no que eles chaman un "traghetto". Así nos podemos abstraer por un momento do superficial ambiente turístico e coñecer unha Venecia máis auténtica e acolledora

Marga Díaz          https:// viajesvagalume. blogspot. com/