Viaqua actuará no xacemento de García Escudero para evitar as augas estancadas

Pontevedra
06 de setembro 2021

Os técnicos municipais e os da empresa Viaqua, concesionaria da xestión do ciclo integral da auga en Pontevedra, confirmaron a existencia dun "problema de drenaxe" que orixina que tanto a auga de choiva como a subterránea procedente das mareas "quede no propio xacemento"

Espazo arqueolóxico de Valentín García Escudero Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra tramita un expediente por obras de emerxencia no conxunto arqueolóxico da praza de Valentín García Escudero.

Segundo explicou este luns a portavoz do goberno local, Anabel Gulías, o Concello solicitáralle un informe á Oficina Técnica de Arquitectura e Planeamento e tamén ao arqueólogo municipal para coñecer o estado no que se atopa este recinto musealizado despois de que se detectase a presenza de auga no mesmo.

Os técnicos municipais e os da empresa Viaqua, concesionaria da xestión do ciclo integral da auga en Pontevedra, confirmaron a existencia dun "problema de drenaxe" que provoca que tanto a auga de choiva como a subterránea procedente das mareas "quede no propio xacemento".

Esta situación supón un "risco dobre", segundo detallou Anabel Gulías, por unha banda está a conservación deste patrimonio arqueolóxico e ademais "estas augas estancadas poden xerar un problema de salubridade".

Por estes motivos o Concello contratou polo procedemento de emerxencia á empresa Viaqua para que arranxe esta drenaxe por 10.881 euros.

Esta empresa estima executar os traballos nun mes. Unha vez concluídos o arqueólogo municipal comprobará que esta deficiencia está emendada.