Viascón leva máis dunha semana sen telefonía e internet e Movistar non resolve o problema

Cerdedo Cotobade
13 de maio 2022

O alcalde dirixiu un escrito a responsables de Consumo da Xunta para que interveña para poñer fin a unha situación que se produce de xeito reiterado

Ordenador e tablet The IET

O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, enviou un escrito a responsables de Consumo da Xunta de Galicia para expresar a súa "enérxica protesta" polo "trato inaxeitado" que a compañía Movistar está a lle dedicar aos seus abonados neste municipio "sometidos a reiteradas avarías cuxa resolución se prolongan excesivamente no tempo".

O último episodio ten como prexudicados aos veciños de Viascón que levan unha semana sen internet e sen telefonía fixa sen que desde a compañía telefónica se lles dea unha solución satisfactoria.

O alcalde Jorge Cubela manifestou tamén aos responsables para esta zona da compañía Movistar a súa "total desconformidade" en como estaban a acometer este problema que sofren "de maneira reiterada e recorrente os teléfonos fixos e o servizo da internet en numerosas zonas do municipio que impiden aos veciños e veciñas poder comunicarse a través deste servizo".

Jorge Cubela instou os responsables de Movistar a solucionar "de inmediato" a avaría ou a poñer solucións técnicas intermedias "aínda que sexa desde a provisionalidade" para liquidar un problema que "non é illado e que están a padecer moitos lugares do municipio de maneira cíclica e reiterada". 

"Nesta ocasión os afectados son os veciños de Viascón, pero xa pasou cos de Borela e mesmo en Almofrei, Barro de Arén", dixo Cubela.

O alcalde considera que o nivel de comprensión e paciencia dos usuarios de Movistar "xa alcanzou os límites admisibles" e roga que se faga un "esforzo definitivo" para emendar a avaría canto antes "ou non se descarta que, por parte do Concello, se inicien todas as accións oportunas para esixir responsabilidades ante esta situación".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora