A parroquia de Viascón, no concello de Cerdedo-Cotobade, volverá converterse esta fin de semana nun punto de encontro veciñal con motivo das festas en honra a Santiago Apóstolo, que se celebrarán do venres 24 ao domingo 26 de xullo.
O programa previsto combina música, actos relixiosos e propostas de lecer para todas as idades
A Comisión de Festas, coa colaboración do Concello de Cerdedo-Cotobade a través do Plan Cultural Municipal e da Deputación de Pontevedra mediante o programa Culturea, deseñou unha programación que busca manter o carácter tradicional destas celebracións e, ao mesmo tempo, incorporar actividades para atraer a público de todas as xeracións.
Os festexos arrancarán o venres 24 ás 22.00 horas cunha verbena que contará coa actuación da orquestra Galilea e do grupo Son das Tabernas, encargados de abrir tres xornadas de celebración.
O sábado 25, día grande por ser a festividade de Santiago Apóstolo, a actividade comezará pola mañá coa música da Unión Musical de Tenorio. Ás 13.00 horas terá lugar a misa solemne e, posteriormente, a banda ofrecerá unha sesión vermú para os asistentes.
A programación nocturna dese día volverá ter como protagonista a música, cunha verbena protagonizada pola orquestra Pentágono e pola disco móbil Eme Music.
As celebracións pecharanse o domingo 26 coa xornada dedicada ao Santísimo. A misa solemne, prevista para as 13.00 horas, estará acompañada pola Banda Escola de Música de Tenorio, que tamén será a encargada de poñer ritmo á sesión vermú posterior.
Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, os máis pequenos terán unha cita especial cunha proposta de ocio familiar que incluirá inchables, touro mecánico e festa da escuma da man de Mundo Máxico.
Desde a organización e o Concello animan á veciñanza e ás persoas que se acheguen ata Viascón a participar nunhas festas que, ademais do seu compoñente lúdico, representan un punto de encontro e unha forma de manter vivas as tradicións das parroquias do municipio.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.