VÍDEO.- Dous arroaces irrompen en Aguete para mergullarse cos bañistas

Marín
09 de agosto 2018

Sucedía este xoves nas proximidades do porto deportivo ante a sorpresa das persoas que se atopaban na praia. Os mamíferos mariños ofreceron unha exhibición de saltos a poucos metros da beira do areal marinense

Dous arroaces xogan preto da beira da praia de Aguete / PontevedraViva

Sucedía este xoves nas proximidades do porto deportivo de Aguete ante a sorpresa das persoas que se atopaban na praia. Dous arroaces achegábanse moi preto da area, sobre todo un deles que se movía a escasos metros de dúas persoas que nadaban. Os mamíferos mariños ofrecían alí unha exhibición de saltos a pouca distancia da beira do areal marinense durante varios minutos.

A parella de animais comezou a facer chimpos preto de onde estaban os bañistas chamando a atención de todas as persoas que se atopaban na contorna que, rapidamente, se achegaron ante a sorprendente mostra de habilidades.

Esta imaxe tan natural do xogo dos golfiños preto da costa ou das embarcacións que navegan pola ría comeza a ser cada vez máis frecuente nas Rías Baixas e convértese en todo un reclamo para turistas.