VÍDEO.- Pedro Alonso, cámara acuático, sorpréndenos ofrecendo imaxes do fondo do río Lérez

Pontevedra
02 de xuño 2019

Este afeccionado ao mergullo e ao vídeo e á fotografía editou unha nova creación que leva por título 'Río Lérez máis que auga', unha fascinante inmersión en diversos puntos onde se poden ver diferentes peixes, rochas, pedras e árbores que repousan no leito do río que desemboca na ría

Pedro Alonso co traxe de mergullo Pedro Alonso

Nuns días celebrarase unha cita musical que congregará a miles de persoas na  Illa das Esculturas, o Surfing  the Lérez. Con motivo deste festival, o creativo Pedro Alonso editou un vídeo coas últimas imaxes que realizou das profundidades do río Lérez.

Neste traballo que subiu á súa canle en Youtube obsérvanse os fondos do río baixo o título 'Máis que auga', un traballo onde visualmente se xoga coas luces e as sombras que ofrece o Lérez.

Ao longo de sete minutos pódense ver os peixes que se moven polo río, as rochas, pedras e mesmo restos de árbores que repousan no leito destas augas.

Pedro Alonso é un afeccionado ao mergullo que realiza fotografías e vídeos das contornas naturais das Rías Baixas. Neste sentido, sinala que as rías se están rexenerando e cada vez é máis fácil atopar novas especies na fauna acuática.