VIDEO.- Pepe Solla alíase con PortAmérica para ensinarnos a comer ben na casa

Poio
22 de marzo 2020

Baixo o nome de #YoMeQuedoEnCasaSolla, o chef irá propoñendo suculentas receitas, que se poderán consultar a través das redes sociais do festival

Pepe Solla, no primeiro video culinario na canle de PortAmérica PontevedraViva

Durante esta corentena, moitas veces preguntámonos se nos estaremos alimentando de maneira axeitada, tendo en cuenta que a nosa actividade física caeu en picado. Sexa como sexa, a través das redes sociais teremos a partir de agora certa axuda.

Un dos cociñeiros pontevedreses máis reputados, Pepe Solla, aliouse co festival PortAmérica, no que xa dirixe o seu espazo gastronómico, para mostrarnos propostas para comer de maneira saudable durante o confinamento do coronavirus.

Baixo o nome de #YoMeQuedoEnCasaSolla, o chef irá propoñendo suculentas receitas, que se poderán consultar a través das redes sociais do festival.

A primeira delas, xa dispoñible en vídeo, é un suculento almorzo composto por unha torrada de pan, que entre outros ingredientes, leva queixo keffir, leite, iogur, amorodos, limón e albáfega. Todo iso preparado ao rimo da música de David Bowie.

"O almorzo é a comida que máis gozo estes días porque nunca teño tempo de almorzar con calma", asegura Pepe Solla neste primeiro vídeo ao que, segundo anuncia, seguirán outras instructivas receitas para comer e cear durante o noso confinamento.

Con esta iniciativa, o cociñeiro pontevedrés quenta motores para a súa participación, xunto con máis dunha trintena de chefs nacionais e internacionais, na nova edición do festival PortAmérica, que se celebrará en Caldas de Reis entre os días 2, 3 e 4 de xullo.