VÍDEO.- Posible narcosubmarino na ría de Arousa: avistan un semisumerxible a un quilómetro de Vilaxóan

O Salnés
13 de marzo 2023
Actualizado: 20:34

A media mañá deste luns un pescador divisou a proa dun semisumerxible. Estaba parado e semiafundido, véndose só a parte dianteira. A Policía Nacional e o Servizo de Vixilancia Aduaneira manteñen aberta unha investigación para pescudar a orixe da nave, localizada a un quilómetro de Vilaxoán

Imaxes da inspección da Garda Civil do semimergullable aparecido en Vilagarcía de Arousa Guardia Civil

A Policía Nacional e o Servizo de Vixilancia Aduaneira manteñen aberta unha investigación para pescudar a natureza dunha embarcación semisumerxible localizada a un quilómetro de Vilaxoán, na Ría de Arousa.

Cabe a posibilidade de que se trate dun narcosubmarino, aínda que non existe confirmación oficial e os investigadores explican que, ata que consigan acceder á embarcación, non o saberán con certeza.

"No podemos adelantar nada hasta inspeccionar el sumergible", sostivo a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, que engadiu que polo momento "no hay ningún dato que apunte en esa dirección o en la contraria", en relación á súa conexión cos clans da droga.

As súas características, a priori, si coinciden coas que teñen os semisumerxibles que adoitan utiizar as redes do narcotráfico e co que apareceu na Ría de Aldán. Sería, ademais, unha embarcación duns 15 metros de eslora "o incluso algo más", segundo Larriba. 

Segundo informou a Garda Civil, a media mañá deste luns un pescador alertounos porque divisara a proa dun semisumerxible. Estaba parado e semiafundido, véndose só a parte dianteira. 

Inmediatamente, o servizo marítimo da Garda Civil desprazouse ao lugar, nas inmediacións do peirao de Vilaxoán, e está a custodiar a embarcación. Ademais, están a realizarse investigacións pola zona de costa para tentar determinar a actividade desta embarcación. 

De momento, non se accedeu á embarcación, de modo que se descoñece se hai droga no seu interior ou se a tripulación continúa dentro. Tamén tentarán buscar á tripulación nas inmediacións, en costa. 

Mergulladores do grupo especial de actividades subacuáticas (GEAS) da Garda Civil están a realizar inmersións na zona para descender ata o pecio afundido, tentar inspeccionalo e obter a maior información posible "para analizar cómo reflotar el sumergible", insistiu a subdelegada.

"Las condiciones del mar no son buenas pero el objetivo es proceder a reflotarlo lo más rápido posible. Si puede ser, mañana", sentenciou.

Cando o pescador alertou de que o vira, a marea estaba baixa, pero agora está a subir, de modo que xa non se ve practicamente nada desta embarcación. 

Están na zona efectivos da Policía Nacional e de Vixilancia Aduaneira, que asumiron a investigación. Ata a Ría de Arousa tamén se desprazaron medios aéreos e unidades de Salvamento Marítimo.