VIDEO.- Que é o parkour e por que Cidadáns pide habilitar unha zona para os seus afeccionados?

Pontevedra
08 de febreiro 2018

O parkour chegou a Pontevedra. E fíxoo para quedar. Cada vez son máis os mozos da cidade que practican esta disciplina de deporte urbano. Nela, tratan de sortear os obstáculos que atopan mediante espectaculares saltos e habilidades motrices

Mozos practicando parkour en Pontevedra Ciudadanos Pontevedra

O parkour chegou a Pontevedra. E fíxoo para quedar. Cada vez son máis os mozos da cidade que practican esta disciplina de deporte urbano. Nela, tratan de sortear os obstáculos que atopan mediante espectaculares saltos e habilidades motrices.

Esta afección creceu notablemente na Boa Vila, aproveitando o mobiliario urbano que poboa algunhas das rúas e prazas máis emblemáticas da cidade, aproveitando unha peonalización que, para o parkour, supuxo toda unha revolución.

Tanto é así que, recollendo as demandas destes mozos, Cidadáns presentou unha moción para solicitar ao goberno municipal que se habilite unha zona no municipio onde os seus afeccionados poidan practicar o parkour en condicións adecuadas.

Dadas as diferenzas desta práctica co skate, o actual e o futuro espazo que o Concello destinou a skatepark no campus universitario non cobre as necesidades deste colectivo, polo que María Rey cre que unha zona dedicada especificamente a esta práctica "beneficiaría a todos e evitaría molestias"

Cidadáns reclama que o Concello conte coa colaboración destes mozos para buscar unha localización ao novo espazo para parkour, así como para a redacción do proxecto.

Tras manter un encontro con estes mozos, María Rey traslada que os afeccionados ao parkour queren contar cunha área onde practicar esta disciplina "sen molestar a ninguén" e para non estragar o mobiliario urbano.

"Hai xente á que lle pon nerviosa vernos saltar e con ese parque estariamos todos tranquilos", explicou un destes afeccionados á portavoz de Cidadáns. Ademais, entenden que esta área específica debería ter o chan de caucho para que os mozos non se fagan dano á hora de practicar este deporte.