VIDEO.- Sorpresa polo Día do Pai: Hugo xa camiña só

Marín
21 de marzo 2017

Os prognósticos médicos eran claros. Hugo non ía poder camiñar só. Naceu con parálise cerebral e, nun principio, o futuro non parecía ser moi halagüeño para o pequeno. Pero grazas á súa forza de vontade superou todas as expectativas

Hugo, camiñando no video gravado no colexio A Laxe
Hugo, camiñando no video gravado no colexio A Laxe / PontevedraViva

Os prognósticos médicos eran claros. Hugo non ía poder camiñar só. Naceu con parálise cerebral e, nun principio, o futuro non parecía ser moi halagüeño para o pequeno. Pero grazas á súa forza de vontade superou todas as expectativas.

E para celebralo, os seus compañeiros do colexio A Laxe de Marín decidiron gravar un vídeo. Nel, ven os progresos de Hugo -que cumprirá proximamente os cinco anos- e, animado polos seus amigos, demostra que xa é capaz de moverse só, sen a axuda de ninguén.

Toda unha sorpresa polo Día do Pai, co que Hugo quixo agradecer o agarimo e o apoio que sempre recibiu dos seus.

Especialmente importante foi o momento no que, a pesar do diagnóstico, os pais de Hugo decidiron que o pequeno merecía unha segunda oportunidade e comezou a ser tratado no centro de rehabilitación que Amencer-Aspace ten en Pontemuíños.

Hugo foi mesmo un dos primeiros nenos que atendeu a unidade 'Primeiros Pasos', destinada principalmente ao desenvolvemento neurolóxico de nenos e nenas de entre 0 e 6 anos.

Con este vídeo, difundido pola familia de Hugo, os pais queren animar a todas aquelas persoas que se atopen na mesma situación de que eles, para que crean en si mesmos e nos seus fillos e que non se rendan xamais, por moi adverso que sexa o diagnóstico médico. Hugo non o fixo e estes son os resultados.