Os servizos de emerxencia tiveron que empregarse a fondo este sabado para sufocar o incendio declarado nunha nave industrial en Calvelo, Cotobade.
O lume iniciouse pouco antes das 19:30 horas da tarde nunha nave de carpintería situada tras as instalacións que a empresa Celso Míguez ten no lugar, propagándose despois cara a unha vivenda contigua do mesmo propietario.
Os primeiros medios en chegar ao lugar foron os da Consellería do Medio Rural, pero ao non tratarse dun incendio forestal foi necesario esperar á chegada das brigadas dos Bombeiros do Salnés.
Dúas unidades de bombeiros tentaron controlar a situación a pesar da súa dificultade e o perigo de que a estrutura colapsase e se derrubase, pero necesitaron de reforzo chegado desde O Morrazo e mesmo colaboraron veciños da zona.
O esforzo foi tal nun principio que un bombeiro necesitou asistencia médica e foi evacuado por efectivos sanitarios.
Os danos foron graves na nave e a vivenda, limitándose ao material.
Ademais dos bombeiros tamén foron mobilizados efectivos da Garda Civil.