O incendio que na tarde-noite do sábado destruíu unha nave industrial e afectou a unha vivenda en Calvelo, na parroquia de Tenorio de Cerdedo-Cotobade, volveu a sacar á luz unha polémica recorrente na comarca de Pontevedra: o mapa de emerxencias que establece a que concellos atende cada parque de bombeiros en base aos tempos de resposta que marca a lei.
A pesar de que o parque máis próximo era o municipal de Pontevedra, o mapa de emerxencias estipula que debe actuar o comarcal de Ribadumia -do consorcio provincial de extinción de incendios- e é o que foi mobilizado en primeiro momento e logo reforzado polo do Morrazo.
A polémica xurdiu por mor das críticas realizadas pola Xunta de Galicia e o grupo provincial do PP, que miran cara ao Consorcio Provincial de Bombeiros e a Deputación de Pontevedra para reprochar a tardanza dos efectivos en chegar a Tenorio e actuar e, ademais, insinúan que os bombeiros pontevedreses foron alertados e non actuaron. Ao paso destas críticas saíron tanto o Concello de Pontevedra como a institución provincial, que aseguran que cumpriron escrupulosamente co mapa de emerxencias e cos protocolos.
Pola súa banda, os representantes dos bombeiros dos parques comarcais tamén quixeron analizar a polémica e criticaron a "desastrosa situación" na que se atopan as emerxencias en Galicia e que os habitantes de Cerdedo-Cotobade "atópanse nunha situación de grave risco e abandono" debido ao "deficiente e ineficaz mapa" de emerxencias de Galicia, que dá lugar a "grandes conflitos e malos entendidos" cando se trata da mobilización de recursos, como neste caso.
Fronte ás críticas do PP e do Concello sobre a tardanza dos efectivos de Ribadumia en chegar, o xerente do consorcio, Roberto Jorge, que compareceu xunto ao deputado Carlos López Font para dar explicacións, asegurou que o 112 alertou ao parque ás 19.28 e ás 19.30 xa estaban mobilizados. Ás 19.32 púxose en prealerta aos bombeiros do Morrazo, ás 20.00 horas mobilizóuselles e ás 20.05 xa chegaran ao lugar os de Ribadumia. Os do Morrazo chegaron ás 20.46 e estiveron ata as 4.30 horas da madrugada e os primeiros en chegar marcharon ás 14.00 horas do domingo, mobilizándose en total 10 efectivos e sete vehículos.
Estes datos facilitados non coinciden cos que manexa o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que fala dunha hora e 40 minutos, e tampouco cos facilitados pola Plataforma Bombeiros Públicos de Galicia en nome dos traballadores. Estes indican que o aviso do 112 a Ribadumia produciuse ás 19.10 e que tardaron 50 minutos en chegar ao lugar, ata as 20.00 horas. O atraso está, para eles "totalmente xustificado".
En relación coa intervención dos bombeiros de Pontevedra neste incendio, a Deputación non quixo valorala porque é ao 112 a quen corresponde mobilizar os recursos e porque, segundo o mapa de emerxencias, non é a este parque ao que lle toca intervir, senón a Ribadumia. Cores Tourís, pola súa banda, descoñece se o parque pontevedrés foi alertado, pero insinuou a posibilidade de que lle chamasen e non quixesen saír porque "non é a primeira vez" e xa nun incendio pasado en Poio non interveu a pesar de estar a tan só 500 metros.
Jorge Cubela asegura que o 112 pediu aos bombeiros de Pontevedra tres veces que actuasen, pero a plataforma de bombeiros asegura que nun primeiro momento só se lles avisou a modo informativo" e deixando claro a Pontevedra que non se requiren os seus servizos". Si se lles pediron actuar 30 minutos despois, "pasando por alto o Platerga", posto que os efectivos de Ribadumia aínda non chegaran ao lugar, petición á que desde Pontevedra respondeu que non "ao estar a cidade do Lérez baixo mínimos e xa cos Bombeiros de Ribadumia mobilizados, que son os que lles corresponde a emerxencia".
Respecto diso, os traballadores matizan tamén que o 112 non declarou o nivel 1 do plan Platerga que é a canle legal que ten unha administración para solicitar medios externos de emerxencia a concellos limítrofes. Ademais, finalmente desautorizouse a saída.
A plataforma de bombeiros critica o mapa actual porque xera un "efecto dominó" no que unha familia perdeu a súa casa e o seu negocio e durante horas a poboación de Ribadumia e O Morrazo á que corresonde atender aos dous parques mobilizados quedou sen medios ante unha posible emerxencia. Ante isto, consideran que "necesitamos un cambio de modelo, reformular o mapa de emerxencias de Galicia, desenvolver un réxime estatutario que regule os corpos de bombeiros e déalles unha nova dimensión."
Tamén Carlos López Font lembra que desde a Deputación Provincial xa se pediu un novo modelo de xestión de emerxencias. "Lo que es claro es que desde Ribadumia a Cotobade se tarda lo que se tarda", por iso presentaron ante o pleno do consorcio, formado ao 50% pola Xunta e a Deputación, un estudo para variar o modelo de xestión e acordouse crear unha comisión técnica para o seu estudo. Este mesmo luns enviará un escrito ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para reclamar a urxencia de acometer este cambio.