VIDEO.- "Xoga coas manciñas" leva a ledicia ao salón de plenos da Deputación

Bueu
14 de xuño 2018

No día nacional das linguas de signos a Deputación tingue de cor azul o pazo provincial e únese a Xoga para conmemorar cos máis pequenos esta data en favor da igualdade, a inclusión e a diversidade

O concurso "Xoga coas manciñas" leva a ledicia ao salón de plenos da Deputación /

Con motivo da celebración do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas a Deputación de Pontevedra acolleu o acto de entrega de premios do concurso provincial "Xoga coas manciñas", un certame para o alumnado dos dous ciclos de educación infantil, ata os 6 anos, no que tiveron que gravar un vídeo en lingua de signos dun conto ou canción.

O primeiro premio ao alumnado de 3 anos foi para o CEIP Plurilingüe A Pedra, de Bueu, polo conto cantado "A Princesa do Caurel", o segundo premio a Escola Infantil Os Pitufos (Vigo) e o terceiro premio foi entregado ás seis Escolas Infantís Integrais Dalila, no Morrazo.

A entrega dos premios incluíu a actuación de Uxía Lambona e a banda molona.

Tamén para conmemorar este Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, que se celebra cada 14 de xuño dende 2014 para recordar a data na que se constituíu a Confederación Estatal de Persoas Xordas, o pazo provincial da Deputación permanecerá iluminado de cor azul turquesa.

Segundo datos da Organización Mundial da Saúde, a xordeira afecta a máis do 5% da poboación mundial, é dicir, a aproximadamente 360 millóns de persoas en todo o mundo, dos que 32 millóns son nenos.

En España, a xordeira afecta ao redor dun millón de persoas (das que case o 72% teñen máis de 65 anos). No que respecta á provincia de en Pontevedra máis de 16.000 persoas viven con algún tipo de problema sensorial, das que a metade, unhas 8.000 persoas, contan cun problema auditivo.