O Concello de Vilaboa fixo este luns un chamamento á cidadanía para participar e apoiar a manifestación convocada pola ANPA O Toural en defensa dunha educación pública de calidade e contra os recortes aplicados pola Xunta de Galicia no colexio do Toural.
A mobilización terá lugar o xoves 30 ás 20.00 horas e percorrerá o traxecto entre o centro educativo e a Casa do Concello.
Segundo denunciou o goberno local, as medidas impostas pola Consellería de Educación están a provocar graves consecuencias na atención ao alumnado, especialmente nas áreas de audición e linguaxe e na falta de profesorado auxiliar.
A dirección do centro escolar confirmou ao alcalde, César Poza, que a atención especializada só se está ofrecendo nos casos máis graves, deixando fóra a numerosos nenos e nenas con dificultades de linguaxe que ata agora recibían apoio. Esta situación, segundo Poza, obriga a moitas familias a recorrer a logopedas privados, cun custo económico inasumible para moitos fogares, o que agrava as desigualdades educativas.
Ademais, a redución de persoal dificulta a organización das gardas escolares, necesarias para cubrir as entradas do centro e garantir a seguridade do alumnado. A falta de profesorado de garda podería derivar, segundo o Concello, en situacións de risco e mesmo na supresión de saídas educativas por falta de supervisión.
O goberno local de Vilaboa alerta de "recortes cada vez máis frecuentes" en áreas tan básicas como a educación e a sanidade. "Os servizos públicos véñense vendo mermados, e xa comezamos a ver as súas consecuencias nas nosas vilas", apunta César Poza.
O alcalde insistiu en que "é responsabilidade de todos e todas loitar por unha educación pública, gratuíta e de calidade que garanta a igualdade de oportunidades para todo o alumnado, con independencia da súa situación económica ou das súas necesidades educativas específicas".
Neste sentido, o goberno local reclama á Xunta a reversión dos recortes, a recuperación das horas de atención especializada en audición e linguaxe, a reposición do profesorado auxiliar e un compromiso firme coa educación pública.