Vilaboa destina 200.000 euros á mellora da pistas en Cabadachán, Paredes e Muíño

Vilaboa
13 de febreiro 2025
Actualizado: 18:21

A actuación inclúe canalización de pluviais e medidas de seguridade viaria

Cesar Poza, alcalde Vilaboa
Cesar Poza, alcalde Vilaboa / Concello de Vilaboa

O proxecto de reasfaltado e mellora da rede viaria de Vilaboa afronta estes días unha nova fase co inicio dos traballos nas pistas de Cabadachán, Paredes e Muíño nas que se está a retirar o firme deteriorado para dotalo dunha capa de aglomerado en quente de cinco centímetros, á vez que se habilita un drenaxe perimetral que facilite a canalización das augas pluviais sen danar o firme.

A maiores, nos tramos nos que sexa posible, ampliarase o ancho do vial integrando excedentes, reforzando así a seguridade vial nestes tramos.

A actuación conta cun orzamento de 200.000 euros e ten un prazo de execución de tres meses.

Así, en Cabadachán as actuacións proxectadas consisten na mellora da recollida de augas pluviais, con obras de drenaxe lonxitudinal e renovación total e parcial de cunetas.

Ademais ampliarase a sección da calzada gañando a superficie dalgúns sobreanchos e, por último, renovarase a capa de pavimento con extensión dunha nova capa de aglomerado en quenta de 5 centímetros de espesor.

En Paredes regularizarase a superficie actual e executarase un novo firme de aglomerado en quente e na medida do posible ampliarase a sección da calzada gañando a superficie dalgúns sobreanchos.

En Muíño, na parroquia de Santa Cristina de Cobres, recolleranse as augas pluviais con obras de drenaxe lonxitudinal e a renovación total e parcial de cunetas, medios canos e tubaxes de recollida de auga.

Os traballos complétanse coa execución de medidas de calmado do tráfico para garantir a seguridade viaria.

O alcalde de Vilaboa, César Poza, explica que este investimento forma parte dun proxecto global que busca mellorar a calidade da rede viaria municipal, dando prioridade a aquelas que conectan os principais núcleos de poboación pero sen esquecer as pistas secundarias que dan acceso a parcelas de explotación agraria.

Poza recoñece que nun municipio tan grande en extensión e con núcleos tan dispersos resulta complexo para a administración local manter todas as carreteras en óptimas condicións. "Pouco a pouco iremos actuando en todas, mellorando o firme e sobre todo implementando medidas de calmado do tráfico e de seguridade para os peóns”.