Vilaboa vai sumar unha nova infraestrutura deportiva pública que permitirá practicar pádel durante todo o ano.
O anuncio chegou este mércores da man da deputada provincial María Ramallo, quen nunha visita ao pavillón municipal avanzou que a Deputación de Pontevedra aprobará este venres unha achega superior aos 110.000 euros destinada a este proxecto.
A actuación, cun orzamento global de 214.000 euros, financiarase con cargo ao III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, un programa provincial dotado con 8 millóns de euros e dirixido a concellos de menos de 50.000 habitantes.
No caso de Vilaboa, esta subvención supón a totalidade dos fondos aos que podía optar dentro desta convocatoria.
O proxecto contempla a construción dunha pista de pádel panorámica e cuberta nun espazo que actualmente se emprega como aparcadoiro ocasional.
A intervención incluirá a preparación integral do terreo e a execución dunha base de formigón sobre a que se instalará unha pista de 20 por 10 metros, equipada con peche de vidro temperado, estrutura metálica, iluminación específica e pavimento de céspede artificial.
Un dos elementos fundamentais será a cuberta, deseñada en aceiro laminado e con perfís estruturais que garanten resistencia e durabilidade. O obxectivo é facilitar o uso da instalación durante todo o ano, independentemente das condicións meteorolóxicas.
Ademais da pista, o proxecto tamén prevé melloras na contorna, como a reorganización do espazo de estacionamento con novas prazas pintadas e delimitadas.
A instalación completarase cun sistema automatizado que permitirá xestionar as reservas, o control de accesos e a iluminación.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.