O Premio 8M do Concello de Vilaboa recoñece este ano a tres alicerces fundamentais do Entroido de Cobres: as costureiras, o grupo de veteranas e as mulleres da xunta directiva da Asociación Cultural Cobres. Responsables todas elas de transmitir de xeración en xeración o amor por unha das tradicións máis singulares de Galicia.
A homenaxe celebrarase na Casa da Cultura de Riomaior ás 19:00 horas, nun acto que combinará música, memoria e recoñecemento colectivo.
O programa inclúe a actuación das Pandereteiras Tudoten de Soutomaior, a proxección dunha vídeo dedicada ás protagonistas e a entrega do Premio 8M a un total de 22 mulleres, nun encontro impulsado pola Concellería de Igualdade co apoio do Ministerio de Igualdade e do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
As costureiras representan a arte e paciencia puntada a puntada. Son as mans invisibles que fan posible o esplendor do Entroido. Entre teas, puntillas e centos de abelorios cosidos un a un, crean traxes e sombreiros que son auténticas obras de artesanía. Cada madama e cada galán levan neles horas de dedicación e unha sabedoría herdada ao longo do tempo. Mari Carmen Docampo Solla, Carmen Cortegoso González, Aurita Palmeiro e María del Carmen Poceiro Buceta representan ese fío que une tradición e arte, convertendo materiais humildes en pezas que emocionan e perduran.
As Veteranas do Entroido de Cobres naceron hai catorce anos para recuperar o que moitas mulleres non puideron vivir na súa mocidade. Nun tempo no que o custo dun traxe resultaba inasumible para moitas familias, moitas quedaron ás portas da festa. Hoxe, mulleres de distintas idades comparten escenario e ilusión, vestidas cunha indumentaria inspirada nas antigas aldeás, máis sinxela pero cargada de simbolismo.
Xunto a elas, as integrantes do grupo de música e da asociación Aires de Cobres manteñen vivo o son e a transmisión oral da tradición. María Isabel Fernández Poceiro, Carmen Castro González “Cachito”, Clara María Fernández Casal, Martiña Ferreira Novio, Verónica Moledo Fernández, Beatriz del Río Couso, María José Casal Barros, María Luisa Poceiro Camiña, Inés Collazo Corbacho, Patricia Poceiro del Río, Alicia Meira Ríos, Rosana Mayan Pazos e María de los Ángeles Framil García encarnan esa cadea de memoria que sostén a alma do Entroido.
Detrás da beleza e da música hai un traballo constante e silencioso. As mulleres da xunta directiva da Asociación Cultural Cobres coordinan grupos, organizan saídas cada vez máis demandadas, recuperan documentación e mesmo fan "auténtica enxeñería financeira" para garantir que nada falle nos catro días grandes da festa.
Jessica Lameiro Cortegoso, Sara Barros González, Lidia Peleteiro Arosa e Tamara Pazos Mariño representan ese compromiso que permite que todo funcione con precisión mentres o público só ve cor, danza e tradición.
Para a edil de Igualdade, Carmen Gallego, e o alcalde César Poza, o premio é sobre todo un xesto de gratitude. "Porque se Cobres é berce dun Entroido que define a identidade de Vilaboa, son as mulleres quen o manteñen vivo. Un legado de valor incalculable que segue avanzando grazas ás súas mans, ás súas voces e á súa entrega".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.