O Concello de Vilaboa decidiu darlle un xiro á súa estratexia de comunicación institucional co lanzamento dunha canle oficial en TikTok.
Baixo o impulso do alcalde, o socialista César Poza, esta nova ventá dixital pretende conectar coa veciñanza dun xeito moito máis informal e directo, afastándose da rixidez habitual dos medios oficiais para ofrecer unha fórmula máis amena e próxima.
A estrea da conta non puido ser máis auténtica. Nun vídeo gravado nas emblemáticas Salinas do Ulló, o rexedor presentouse cunha vestimenta formal pero cun propósito claro: abrir unha vía informativa onde teñan cabida os gustos, as afeccións e a realidade do día a día no municipio.
De feito, a primeira publicación remata cun toque de humor, involuntario ou non, cando o alcalde sofre un pequeno tropezo nas escaleiras; un incidente que el mesmo naturalizou como parte das situacións cotiás que lle poden ocorrer a calquera.
A conta, que opera baixo o perfil da @alcaldia.de.vilaboa, xa amosa a versatilidade da axenda municipal.
Entre os seus primeiros contidos pódese ver dende o labor máis institucional como a visita do eurodeputado Nico González Casares ao CEIP Riomaior para explicar o funcionamento do Parlamento Europeo dende a óptica local ata escenas moito máis persoais e domésticas do alcalde, quen non dubida en amosarse participando nun curso de motivación ou incluso lavando a louza.
@alcaldia.de.vilaboa Empezamos!
♬ sonido original - Cesar.Poza
Con preto de douscentos seguidores e camiño dos catrocentos "gústame" nas súas primeiras publicacións, a iniciativa resume a súa filosofía no propio lema do perfil: en Vilaboa as cousas fanse "ao noso xeito".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.