O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta este venres dos asuntos abordados na Xunta de Goberno provincial, na que se aprobaron preto de 1,7 millóns de euros para mellorar as infraestruturas nos concellos e para o deporte.
Así foi aprobada unha achega de 200.000 euros para que o Concello de Vilaboa mellore o firme en vías municipais en San Martiño e en Santa Cristina de Cobres. Trátanse, tal e como explicou o presidente Luis López, de recursos do +Provincia que acaba de aprobar a Xunta de Goberno trala presentación dun proxecto modificado polo Concello de Vilaboa.
Con estes recursos melloraranse tramos de vías municipais en Cavada, Chan e Paredes, en San Martiño. No primeiro lugar mellorarase a recollida de pluviais e a drenaxe lonxitudinal; renovaranse cunetas e tubaxes; ampliarase a sección da calzada e renovarase a capa de pavimento. No caso de Paredes, executarase un novo firme de aglomerado e ampliarase tamén a sección da calzada.
Pola súa banda, en Santa Cristina de Cobres a vía municipal que será mellorada atópase en Muíño, onde se renovará a recollida de pluviais e se executarán obras de drenaxe lonxitudinal. Ademais, completarase a actuación con novas cunetas e tubaxes e coa ampliación da sección da calzada.
Además, o Goberno provincial adxudicou por 881.000 euros o contrato para a mellora da mobilidade peonil da estrada provincial EP 9701 Baión-András, en Vilanova de Arousa para poñer fin aos problemas de seguridade nunha vía con denso tráfico rodado e movemento de persoas.
Luis López sinalou que esta obra "fora unha daquelas famosas que no ano 2015, cando xa estaban as máquinas ali, foran levantadas por parte do anterior Goberno".
Contémplase crear unha senda peonil en formigón coloreado pola marxe esquerda nos primeiros 500 metros e a creación dunha zona de convivencia entre peóns e vehículos nos últimos 60 metros. Ademais, instalarase unha canle prefabricada de formigón para recoller as augas nos días de chuvia e procederase a realizar os traballos de renovación do aglomerado e realización dunha correcta sinalización horizontal e vertical, entre outras actuacións.
Ademáis, a Xunta de Goberno aprobou a modificación da liña de axudas do programa DepoVAN, destinada a facilitar que os clubs deportivos da provincia poidan adquirir vehículos, remolques ou aparellos adaptados para persoas con discapacidade. Trátase dunha modificación que implica duplicar os recursos para os clubes ata os 600.000 euros.
Luis López indicou que a creación do programa responde "á escoita activa das necesidades do tecido deportivo", recollidas ao longo de múltiples encontros e eventos cos clubs. "Sobemos detectar unha necesidade que había nos clubes que nos trasladaban e atendemos esa necesidade creando este novo programa", dixo.