As axudas municipais impulsan 18 proxectos empresariais de nova creación en Vilagarcía

O Salnés
13 de decembro 2025

O departamento que dirixe Álvaro Carou distribuíu este ano un total de 39.253 euros. Na maioría dos casos, once das axudas concedidas acadaron a contía máxima establecida na convocatoria

Alberto Varela e Alvaro Carou

Un total de dezaoito emprendedores beneficiáronse en 2025 das Axudas municipais á creación de empresas impulsadas pola Concellería de Promoción Económica do Concello de Vilagarcía, co obxectivo de facilitar o inicio e a posta en marcha de novos proxectos empresariais no municipio.

As subvencións están destinadas a cubrir parte dos custes iniciais dun negocio, como os gastos de constitución e asesoramento, aluguer e acondicionamento de locais, adquisición de existencias ou gastos correntes.

O departamento que dirixe Álvaro Carou distribuíu este ano un total de 39.253 euros. Na maioría dos casos, once das axudas concedidas acadaron a contía máxima establecida na convocatoria, fixada en 2.500 euros por establecemento, mentres que outras tres superaron os 2.000 euros, aínda sen chegar ao límite máximo.

Das dezaoito subvencións aprobadas, dezaseis destináronse á creación de novos negocios e dúas á modalidade de remuda xeracional, unha liña específica incluída na convocatoria para garantir a continuidade de actividades económicas baixo determinados requisitos.

En total presentáronse vinte solicitudes, das cales dúas foron desestimadas por non cumprir as condicións para seren consideradas empresas de nova creación nin encaixar nos supostos previstos para a remuda xeracional.

As actividades beneficiarias das axudas municipais presentan unha ampla diversidade sectorial, con presenza dos ámbitos comercial, de servizos e mesmo do sector primario.

Entre as iniciativas menos habituais destacan un proxecto de cultivo e venda de produtos da horta, unha empresa dedicada á fabricación de xogos, xoguetes e artigos de puericultura, e un negocio de importación e venda de vehículos de segunda man.

Como vén sendo habitual, as subvencións tamén serviron para apoiar a apertura de bares, cafeterías e establecementos comerciais retallistas, incluíndo negocios de téxtil, complementos para telefonía móbil, decoración e antigüidades.

Ademais, recibiron axuda unha pizzería, dous talleres mecánicos, un negocio de servizos fotográficos e produción audiovisual, unha inmobiliaria e un taller de confección.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora