O Concello de Vilagarcía concorrerá ao Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra co que pretende contratar a 33 operarios a partir do 1 de abril.
O obxectivo da subvención é fomentar a contratación e inserción de persoas desempregadas e paliar a falta de persoal nas áreas de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.
A subvención provincial contempla que os contratos sexan a tempo completo (37,5 horas semanais) por oito meses de duración, é dicir, ata finais de ano.
O orzamento do plan é de 493.616 euros que se financiará entre ambas administracións, aportando o Concello 208.934 euros (41,14%) e o organismo provincial os 284.681 euros restantes.
A axuda comprende o custo do salario e a cotización na Seguridade Social, respectando en todo caso o salario mínimo interprofesional que se atope en vigor en cada momento.
O Concello de Vilagarcía solicitará a contratación de doce axudantes de albanelería que se encargarán da reparación das deficiencias na rede de saneamento, da realización de obras no casco urbano para garantir á accesibilidade, así como da reparación dos danos causados polas inclemencias climáticas en distintas rúas e avenidas da localidade.
Son necesarios seis peóns pintores ou empapeladores que se encargarán da sinalización viaria para o axuste da nova normativa de seguridade no termo municipal. Tamén se procederá a pintar as luminarias en diversas rúas.
Subvencionarase a contratación de catro forestais, que se encargarán da eliminación da maleza, broza e escombro das áreas forestais municipais. Tamén da roza de faixas de protección contra incendios e da limpeza de cunetas, así como das accións de prevención para a diminución de superficies susceptibles de sufrir un incendio forestal.
Tamén se solicitan catro traballadores de conservación de parques e xardíns, para o acondicionamento do acceso ás parroquias, a recuperación das rutas-sendeiro, a reposición de elementos do mobiliario urbano e a prevención de pragas.
Tamén son necesarios dous electricistas, dous axudantes de mantemento de instalacións deportivas, un fontaneiro, un condutor de retroescavadora e un laceiro.
Os traballadores que queiran optar a algún destes postos deberán estar inscritos no Servizo Público de Emprego como demandantes non ocupados. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato.
O Concello de Vilagarcía será quen realice a selección definitiva dos candidatos, dando prioridade aos seguintes criterios: desempregados de longa duración, mulleres con baixa cualificación, maiores de 45 anos, mozos con baixa cualificación, persoas que acrediten unha discapacidade física ou sensorial superior ao 65, vítimas de violencia de xénero, familias monoparentais e persoas candidatas con renda baixa.