Vilagarcía encarga o deseño dunha rede de ciclovías polo municipio

O Salnés
13 de outubro 2017

Estúdanse os percorridos máis idóneos e con maior intensidade ciclista para trazar as vías primarias e, a partir de aí, as secundarias

Unha persoa en bicicleta Mónica Patxot

As iniciativas postas en marcha nos dous últimos anos pola area de Mobilidade do Concello de Vilagarcía para promover o uso da bicicleta como medio de desprazamento ecolóxico e saudable estanse a completar coa dotación da infraestrutura necesaria.

Se o mes pasado comezaron a habilitarse carrís bici a carón dos pasos de cebra que unen zonas peonís, a seguinte medida será o deseño dunha completa rede de ciclovías polo municipio. O departamento que dirixe Paola María xa encargou a realización do proxecto a un estudo de Vigo especializado neste tipo de infraestruturas.

Como calquera outra rede viaria de comunicacións, o deseño da rede das ciclovías debe planificarse en conxunto para que sexa realmente eficaz, se integre e sexa compatible co resto do sistema viario e responda ás necesidades dos usuarios. Por iso, en lugar de ir facendo traxectos de xeito individual, o lóxico é dispor primeiro do estudo integral que teña en conta os aspectos antes mencionados e deseñe a rede no seu conxunto.

Este é o traballo que farán os técnicos de Jam 2 Arquitectos, aos que xa se lles facilitou a planimetría municipal para poder ir realizando os estudos previos que se completarán co traballo de campo. O estudo afectará a todo o ámbito municipal, aínda que a rede de ciclovías, ao igual que acontece co rueiro e estradas, concentrarase principalmente nos núcleos urbanos e as conexións entre eles, posto que son as zonas que rexistran o maior número de desprazamentos.

O procedemento que seguirán os redactores é analizar os traxectos que rexistran unha maior intensidade de tráfico ciclista ou que son máis demandados e, a partir de aí e tendo en conta a orografía e entramado viario, trázanse as diferentes rutas atendendo tamén a criterios de seguridade e comodidade. O método consiste en crear primeiro unha rede primaria ou principal que se completará cunha rede capilar ou secundaria.

O proxecto, cuxa redacción ascende a 21.659 euros, entregarase antes de que remate o ano

PRIORIZAR AS DE MAIOR DEMANDA

Unha vez definido o proxecto, determinaranse as diferentes fases de execución das ciclovías, para o cal se priorizarán as que rexistren unha maior demanda, xa que o obxectivo á hora de crear calquera infraestrutura é dar o servizo ao maior número de persoas.

Aínda que os traballos acaban de comezar, os técnicos consideran que Vilagarcía, debido a que se trata dun municipio practicamente sen pendentes e cunha zona urbana moi compacta, é un lugar idóneo para desprazarse en bicicleta e tamén para crear unha rede óptima de ciclovías que conecten puntos de interese e de afluencia de xente como servizos administrativos, centros de saúde, mercados, centros de traballo, colexios, zonas comerciais, zonas deportivas... lugares todos eles aos que os usuarios poden acudir en bicicleta.

O obxectivo é que a xente opte pola bicicleta en lugar de usar o coche para realizar estes desprazamentos cotiás. Con elo, lógrase reducir o tráfico rodado dos centros urbanos, que estes resulten máis seguros e agradables para os peóns, redúcese a emisión de gases contaminantes á atmosfera e a contaminación acústica e se fomenta o hábito saudable que supón a práctica dun exercicio lixeiro como o que supón andar en bici.

Unha vez estea redactado o proxecto das ciclovías, a idea da concelleira de Mobilidade é ir executando as obras segundo a priorización de fases que nel se establezan, ata completar a rede. O estudo concreta a delimitación e encaixe dos carrís bici polas rúas, as obras complementarias que poderían ser necesarias (rebaixes de beirarrúas, ramplas…) e ata a sinaléctica a usar.

O proxecto, cuxa redacción ascende a 21.659 euros, entregarase antes de que remate o ano.