Abren expediente sancionador a unha muller de 74 anos polo furto de elementos decorativos do Nadal

O Salnés
07 de xaneiro 2026

A muller recoñeceu os feitos sen reservas, aínda que xustificou a súa actuación asegurando que outras persoas tamén levaran elementos decorativos, motivo polo que inicialmente se negou a devolvelos

Danos na decoración de Nadal de Vilagarcía
Danos na decoración de Nadal de Vilagarcía / Concello de Vilagarcía

As festas do Nadal deixaron tamén algunhas incidencias en Vilagarcía que xa están a ser tramitadas polo Concello, logo das denuncias formuladas pola Policía Local tras dous episodios de vandalismo rexistrados en días distintos e con protagonistas moi diferentes.

O primeiro dos casos tivo lugar o pasado domingo, arredor das 21.30 horas, na rotonda da escultura da Ameixa. Alí, os axentes identificaron a unha veciña do Carril, de 74 anos, como autora do furto de varias setas luminosas da decoración de Nadal.

A muller recoñeceu os feitos sen reservas, aínda que xustificou a súa actuación asegurando que outras persoas tamén levaran elementos decorativos, motivo polo que inicialmente se negou a devolvelos.

Finalmente, grazas á mediación dalgúns veciños, as pezas foron entregadas na xefatura da Policía Local o luns. A pesar diso, o recoñecemento non evitará que poida enfrontarse a unha sanción por vandalismo.

O segundo incidente produciuse na noite de Fin de Ano, cando un mozo de 18 anos decidiu subir a un farol da praza de Galicia. A acción rematou mal xa que o rapaz causou importantes danos no mobiliario urbano. Era un farol "de época" con tres luminarias e acabou sufrindo feridas de certa gravidade ao caer ao chan.

Ademais da denuncia por vandalismo, deberá responder tamén por desordes públicas. No plano económico, terá que asumir o custo da reparación do farol e facer fronte a unha sanción aínda pendente de cuantificar.

Desde o Concello subliñan que se trata de feitos illados e minoritarios, nun Nadal no que milleiros de persoas encheron rúas e prazas con total respecto polo mobiliario e a decoración, financiados co diñeiro de toda a veciñanza.

Con todo, o goberno local aproveita para insistir na importancia do civismo, lembrando especialmente casos como o do mozo, que puido ter consecuencias moito máis graves para a súa propia integridade física.