Vilagarcía manterá a cabalgata de Reis pero reforzará a seguridade

O Salnés
29 de decembro 2021

O Concello confía na colaboración dos veciños no cumprimento das normas en canto ao uso da máscara, por exemplo, tendo en conta que se trata dun evento especialmente esperado e sentido polos máis pequenos da casa

Cabalgata dos Reis Magos en Vilagarcía Concello de Vilagarcía de Arousa

A pesar das novas restricións aprobadas pola Xunta de Galicia polo aumento dos contaxios, o Concello de Vilagarcía sigue adiante coa tradicional cabalgata de Reis do próximo día 5. Iso si, introducirá algunhas modificacións a fin de garantir ao máximo a seguridade.

O Concello confía na colaboración dos veciños no cumprimento das normas en canto ao uso da máscara, por exemplo, tendo en conta que se trata dun evento especialmente esperado e sentido polos máis pequenos da casa.

Esas modificacións daranse a coñecer nas vindeiras xornadas pero, en principio e salvo que a evolución da pandemia aconsellara o contrario, a intención de celebrar a cabalgata -dinámica, non estática- mantense.

O que si está confirmado de calquera xeito é que os días 2, 3 e 4 os Reis ofrecerán a súa recepción aos nenos e nenas que o desexen na praza da Peixería, con cita previa e gratuíta.

Para obtela, a través da plataforma Woutick, só hai que indicar que día e que hora se desexa: o domingo 2, o luns 3 ou o martes 4, entre as 16 e as 21 horas, con franxas de media hora.