Vilagarcía e Vilanova unen as súas redes de auga e saneamento para dar servizo a cinco vivendas en Solobeira

O Salnés
20 de xullo 2026

A colaboración entre ambas administracións para compartir infraestruturas non é unha novidade. A proximidade entre os dous municipios fai necesaria este tipo de coordinación

Tubaxes

Os Concellos de Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa colaboran nunha actuación que permitirá conectar as redes municipais de abastecemento de auga e saneamento no límite entre ambos municipios, concretamente na rúa A Valiña, en Solobeira, xunto ao lugar de Framil, na parroquia de Baión.

A intervención facilitará que cinco vivendas da zona poidan acceder por primeira vez a estes dous servizos básicos, dos que carecían ata o de agora.

O proxecto conta tamén coa participación da empresa concesionaria do servizo de augas, Espina & Delfín, que será a encargada de instalar as tubaxes, mentres que os traballos de apertura das gabias corren a cargo do Concello de Vilagarcía, a través da empresa Montajes Iglesias S.L.

Segundo explican desde o Concello, debido á diferenza de cota existente na zona, os propietarios das vivendas deberán asumir a instalación da conexión particular á rede, incluído o correspondente sistema de bombeo.

A colaboración entre ambas administracións para compartir infraestruturas non é unha novidade. A proximidade entre os dous municipios en distintos núcleos rurais fai necesaria este tipo de coordinación para facilitar a prestación dos servizos. Un dos exemplos é o lugar do Sisto, onde existen vivendas situadas parcialmente en cada un dos dous termos municipais.

En paralelo a esta actuación, o Servizo Municipal de Obras de Vilagarcía continúa coa renovación da rede de saneamento no Freixo, na parroquia de Sobrán, xunto á estrada de Cambados. Os traballos consisten na substitución das antigas tubaxes de fibrocemento, que nos últimos anos provocaron diversas avarías e vertidos que, nalgúns episodios, chegaron a afectar á praia do Preguntoiro.

Con esta actuación preténdese eliminar o risco de novas incidencias e mellorar o funcionamento da rede de saneamento nesta zona do municipio.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora