Vilanova de Arousa espera bater o récord de participación na Festa do Mexillón e o Berberecho

O Salnés
31 de xullo 2024

A celebración terá lugar entre os próximos días 8 e 11 de agosto

Presentación da Festa do Mexillón e o Berberecho
Presentación da Festa do Mexillón e o Berberecho /

A Estación Marítima Mar de Santiago acolleu este mércores a presentación do programa da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa. 

O acto contou coa presenza do alcalde vilanovés, Gonzalo Durán; a deputada de Turismo, Nava Castro, e do tenente de alcalde e deputado provincial, Javier Tourís. 

Na súa intervención, Gonzalo Durán puxo de manifesto a importancia desta celebración e espera que "esta trixésima edición da Festa do Mexillón e o Berberecho bata todos os récords de participación e asistencia". 

O rexedor animou a cidadanía e visitantes a achegarse a Vilanova de Arousa para gozar deste evento que se desenvolverán entre os próximos días 8 e 11 de agosto.

Pola súa banda, Javier Tourís tamén animou a residentes e foráneos a deleitar os seus padais coa gastronomía da vila. "Vilanova é o primeiro porto de descarga de mexillón de Europa e durante a nosa festa convértese no epicentro da venda do marisco de Pontevedra", asegurou, poñendo de manifesto a gran importancia que "o sector do mar ten no PIB do Concello".

Finalmente, Nava Castro felicitou o labor de promoción levada a cabo polo Concello a favor desta celebración. "É un dos exemplos onde uns produtos gastronómicos como o mexillón e o berberecho son quen de converterse nos grandes protagonistas e posicionar un destino como Vilanova como referente", aseverou a deputada de Turismo de Pontevedra.

O programa festivo comezará coa apertura da carpa gastronómica na Praza do Castro, na que o Concello espera superar os 5.000 comensais.

O evento continuará coa tradicional Feira de Oportunidades, que reunirá a máis de vinte comercios locais de Vilanova na Avenida do Recheo. 

O espectáculo de Orquestra Panorama será o venres 9 de agosto ás 23.00 horas no Parque do Cabo e o sábado 10 de agosto ás 22.00 horas na Praza do Castro será o concerto de Antonio Barros & Lis Pardo, mentres que a actuación de Roi Casal será o domingo 11 de agosto ás 21.00 horas no Xardín Umbrío.

O día grande da XXX Festa do Mexillón e do Berberecho de Vilanova de Arousa será o domingo 11 de agosto. O acto central comprenderá a lectura do pregón e a entrega das Insignias de Ouro e Brillantes, que terá lugar ás 13.30 horas na Praza do Castro.