O Vilaverán ofrecerá máis opcións horarias para favorecer a conciliación das familias de Vilaboa

Vilaboa
20 de maio 2025

O Concello ofertará ata catrocentas prazas para este campamento que se desenvolverá entre o colexio de Riomaior e a Casa de Cultura e que priorizará á cativada empadroada en Vilaboa

Unha das actividades do programa lúdico Vilaverán Concello de Vilaboa

Vilaboa pon en marcha unha nova edición do seu programa de conciliación familiar para as vindeiras vacacións estivais, o Vilaverán, que ofertará actividades lúdico-formativas para rapaces con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos durante os meses de verán.

Nesta edición, na que os interesados poderán formalizar a súa inscrición ata o próximo 31 de maio, o programa presenta importantes novidades para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e profesional e mantén as catrocentas prazas en quendas de quince días.

Vilaverán ofrecerá este ano dúas opcións horarias co obxectivo de adaptarse ás necesidades de cada familia, ampliando o máis extenso desde as 7:30 ata as 15:30 horas e mantendo o ordinario entre as 9 e as 14 horas.

Os prezos van ligados tamén ao horario escollido e van desde os 60 aos 40 euros por quincena e con matrícula gratuíta para as familias usuarias dos servizos sociais municipais.

Outra das novidades que inclúe o Vilaverán 2025 é a baremación de acceso ao programa dando prioridade aos nenos e nenas empadroadas en Vilaboa, a menores escolarizados nos centros do municipio e fillos de familias que traballen no ámbito municipal.

Tamén terán prioridade as vítimas de violencia de xénero, familias monoparentais e menores con distintos graos de discapacidade

A actividade, que se desenvolverá entre as instalacións do colexio Plurilingüe de Riomaior e a Casa de Cultura, consiste nun campamento de verán dirixido á poboación infantil e xuvenil que permite aos participantes gozar de actividades educativas durante o período estival.

Unha das características deste programa de conciliación é o desenvolvemento de actividades ao aire libre e en contacto coa natureza.