O CEP Riomaior de Vilaboa vén de iniciar unha orixinal campaña para concienciar sobre a importancia do almorzo na alimentación infantil.
Baixo o lema "Viaxando polos almorzos do mundo", o centro educativo combate unha preocupante tendencia detectada nas aulas: cada vez máis nenas e nenos comezan a xornada escolar sen ter feito a primeira comida do día, o que repercute negativamente no seu rendemento académico e mesmo no seu comportamento.
"O almorzo é o combustible do noso corpo e sen el non poden comezar o día", explica Carmen Negro, directora do centro, quen lidera esta iniciativa en colaboración coa Anpa, encargada tanto da financiación como da loxística para preparar, servir e recoller o almorzo para os 106 escolares.
A primeira parada desta viaxe gastronómica foi Francia. Os cativos degustaron un típico almorzo francés composto por leite, pan con manteiga e marmelada, plátanos e croissants. En total utilizáronse 20 litros de leite, 18 barras de pan, dous quilos de manteiga, outros dous de marmelada, varios quilos de plátanos e 60 croissants. Os pratos quedaron limpos.
Nas próximas semanas, o alumnado terá a oportunidade de probar almorzos mediterráneos, americanos, continentais e ingleses, entre outros. Ademais, a iniciativa non só busca fomentar hábitos alimenticios saudables, senón tamén ensinar normas básicas de comportamento na mesa e protocolo. "Case todas as decisións importantes da vida péchanse nunha mesa. É importante saber comportarse", destaca a directora.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, quixo sumarse a esta primeira xornada, compartindo mesa cos pequenos e interesándose polas súas preferencias culinarias.
A iniciativa seguirá nas vindeiras semanas con novos menús internacionais, contando coa colaboración de nais, pais e profesorado, que poderán achegar as súas propostas gastronómicas ao comedor escolar.

Pola súa banda, o alumnado do CRA de Vilaboa participou nunha actividade complementaria ao aire libre, visitando a ruta dos Muíños de Riomaior dentro do proxecto "Mens sana in corpore sano", onde o señor Manuel explicoulles o funcionamento destas antigas estruturas.