O 'Viño Colleiteiro' repite encontro en Soutomaior

Soutomaior
15 de maio 2026

O evento, que se presentou de maneira oficial este venres, celebrarase os días 31 de maio e 1 de xuño no Campo da Festa de San Benito de Romariz

Presentación do II Encontro do Viño Colleiteiro Concello de Soutomaior

O Campo da Festa de San Benito de Romariz será escenario os días 31 de maio e 1 de xuño do II Encontro do Viño Colleiteiro de Soutomaior.

Unha cita que foi presentada oficialmente este venres e que contará con 12 participantes.

Todos eles porán da súa parte para reivindicar a tradición da viticultura no municipio.

"O ano pasado arrancamos este proxecto porque aquí tiñamos un produto excelentísimo con moito potencia e moito que facer e da man de todas e todos os colleiteiros", explicou na súa intervención o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo.

"Este proxecto que ten como obxectivo poñer en valor a nosa terra, a produción, o modo de elaborar un produto que máis ala de ser unha subzona con nome e apelidos propia da DO eu creo que ten todo un universo de matices e de realidades", defendeu o rexedor.

"Non somos grandes bodegas pero somos capaces co noso patrimonio e as nosas uvas ser capaz de transformar o noso produto da mellor maneira posible e que guste", destacou pola súa banda un dos participantes, o 'colleiteiro' Óscar do Val.

Os participantes do II Encontro do Viño Colleiteiro son: Furancho Linchú (Vela) , Furancho do Pazo María & Conrado (Comboa), Adega - Furancho do Músico (O Sobral), María Sobral (Romariz), Albariño da Baralla (O Val), A Casa de Lisa (O Sobral), Irmáns Lorenzo (O Sobral), Furancho O Maroco (Alxán), Aires de Verdugo (O Rial), A Peroxa (O Rial), Eido de Lombeira (O Rial) e Albariño do Rodeiro (Comboa).

PROGRAMACIÓN

As actividades arrincarán xa o 29 de maio cunha xornada previa de visita ás 12 adegas participantes, unha actividade con prazas limitadas e dirixida ao público adulto que se levará a cabo de 18.00 a 19.00 horas. As inscricións en liña habilitaranse o 18 de maio ás 9.30 horas.

No que respecta á fin de semana, o sábado 30 de maio as casetas abrirán de 12.00 a 22.30 horas, con espazo gastro-bar de 12.30 a 16.00 e de 20.00 a 22.30 horas.

Ao longo da xornada están previstas actividades como a actuación musical con Francisco Castro e Valerio Araújo ás 13.00 horas, ou a mesa-coloquio 'O Viño, patrimonio cultural' ás 19.00 horas na que participarán Iria Otero Mazoy, especializada na produción de viños en pequenas cantidades, e María José Zafra González, docente no CIFP A Granxa dentro do Módulo Profesional de Cata no Grao Superior de Vitivinicultura.

Ademais de 19.30 a 20.30 horas será quenda para '5MinutosDeViñoDeSoutomaior', cunha presentación dos colleiteiros e unha cata rápida dos seus viños. Por último ás 20.30 horas actuará Bafana Bafana.

Xa o domingo as casetas permanecerán abertas de 11.00 a 16.00 horas co espazo gastro-bar habilitado desde as 12.00 horas.

Ás 12.30 a cita musical será con 'Madalena Gamalho', previa á entrega de distincións que finalizará ao redor das 13.30 horas coa música en directo de 'Linchú'.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora