Vinte anos de "comer, beber, bailar e disfrutar" no Festixeve

Pontevedra
26 de xullo 2015

A Asociación Recreativa Xeve organiza como cada ano no mes de xullo unha romaxe de carácter laico no campo de Vilar de Fragoso, en Santo André de Xeve

Festixeve Diego Torrado

Díxoo a concelleira de Festas, Carme da Silva, na presentación do evento, e rigorosamente cumprírono os veciños de Xeve.

"Comer, beber, bailar e disfrutar", diso trátase no Festixeve, unha romaxe de carácter laico que leva xa 20 anos celebrándose baixo a organización da Asociación Recreativa Xeve.

Unha vez máis a concelleira estaba no certo, pois no campo de Vilar de Fragoso, en Santo André de Xeve, reina o bo ambiente durante toda a fin de semana.

O Festixeve arrancou o sábado cunha xornada de inchables para os máis pequenos e unha cea coa actuación musical de Amigos do Acordeón das Rías Baixas, a banda de baile Asalto Foula e os Festicultores Troupe.

Para o domingo, o día en que tradicionalmente acoden máis persoas á festa, quedou reservado o xantar popular na carballeira, ademais dunha nova xornada de inchables e a actuación de Olodum do Coio e a charanga Os Encerellados de Campo Lameiro.