Vinte persoas desempregadas da comarca do Salnés iniciaron un itinerario de formación e emprego co obxectivo de mellorar as súas oportunidades de incorporación ao mercado laboral nun dos sectores con maior demanda de profesionais: a hostalaría.
O obradoiro dual de emprego 'Mancomunidade do Salnés XVII', que se desenvolve no municipio de Sanxenxo, conta cun investimento de 454.552 euros por parte da Xunta de Galicia e permitirá que os participantes combinen durante nove meses a formación teórica coa práctica laboral nas especialidades de cociña e servizos de restaurante.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou este mércores ás persoas participantes nesta iniciativa e destacou a utilidade dun modelo que combina aprendizaxe e experiencia profesional.
Segundo sinalou, a formación dual facilita que quen se atopan en situación de desemprego poidan adquirir coñecementos mentres desempeñan un traballo real vinculado a actuacións de utilidade pública.
Fernández puxo o foco nas posibilidades de inserción laboral que ofrece o sector hostaleiro, especialmente nunha comarca como O Salnés, un dos principais destinos turísticos de Galicia. "O sector da hostalaría ten unha demanda altísima de profesionais formados", sinalou o delegado, quen animou aos participantes a aproveitar a oportunidade para desenvolver unha traxectoria profesional nas súas respectivas especialidades.
Durante o percorrido, Fernández destacou que a iniciativa responde as necesidades dun mercado laboral que busca perfís cualificados, especialmente en ámbitos como a cociña e a atención en sala, dúas áreas estratéxicas para a actividade turística da comarca.

O programa permitirá ao vinte participantes obter unha cualificación profesional ao finalizar o período formativo, mellorando as súas competencias e as súas posibilidades de acceder a un emprego. A combinación de clases e experiencia práctica pretende facilitar unha transición máis directa cara ao mercado laboral.
Os obradoiros duais de emprego convertéronse nunha das ferramentas impulsadas pola Xunta para favorecer a empregabilidade de persoas desempregadas, especialmente mediante unha formación adaptada ás necesidades das empresas e sectores con maior capacidade de contratación.
No conxunto da provincia de Pontevedra, este ano concedéronse un total de 24 obradoiros deste tipo, que permitirán formar a máis de 450 persoas desempregadas cun investimento autonómico próxima aos 11 millóns de euros.
No caso do Salnés, a aposta céntrase nun sector fundamental para a economía local. A hostalaría e o turismo xeran cada tempada unha importante demanda de traballadores, polo que contar con profesionais preparados considérase unha peza imprescindible para reforzar a calidade dos servizos e favorecer novas oportunidades de emprego na comarca.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.