Vinte empresas compiten polo proxecto de substitución da cuberta do Pavillón

Pontevedra
10 de abril 2016

A obra ten un orzamento de 690.792,47 euros e permitirá recuperar a cuberta deseñada polo arquitecto Alejandro de la Sota no ano 1964

Cuberta interior do Pavillón Municipal dos Deportes Mónica Patxot

Vinte empresas pugnan pola obra de substitución da cuberta do Pavillón Municipal de Deportes, un proxecto que ten o dobre obxectivo de, por unha banda, resolver o grave problema de goteiras que ten a instalación deportiva e por outra, recuperar a cuberta deseñada polo arquitecto Alejandro de la Sota no ano 1964.

Das vinte empresa que formalizaron a súa oferta ante o Concello de Pontevedra, dezaoito son galegas - oito pontevedresas, cinco coruñesas, catro ourensás e unha lucense- e dúas madrileñas.

A obra ten un orzamento de 690.792,47 euros e como explicara no seu día o portavoz do goberno local e concelleiro de Economía, Raimundo González Carballo, o proxecto licitado leva adxuntas melloras como o pintado das cerchas cun custe taxado en arredor de 65.000 euros e a renovación da iluminación da pista cun custe de 50.000 euros.

Unha vez adxudicada a obra, a empresa elixida terá por diante un prazo de execución da obra de dous meses, mais antes da súa instalación será preciso fabricar a cuberta.

As previsións do Concello son que a substitución da cuberta do Pavillón Municipal se faga no verán co fin de non afectar a celebración das competicións deportivas que se desenvolven nesta instalación.